O PSdeG de Oleiros critica ao alcalde por culpar a Naturgy do atraso en Santa Cristina

O PSdeG de Oleiros criticou duramente a actitude do Goberno local tras o cambio de discurso do alcalde con respecto ás obras de reforma en Santa Cristina. “O Alcalde pasou en 15 días de anunciar o fin da obra de Santa Cristina para maio mentres daba un paseo triunfal pola zona a convocar unha protesta contra Naturgy, botándolle a culpa de que a obra, que ía e vai moi retrasada, non rematara na data que el dixo”, denuncian os socialistas, que aseguran que foi a súa intervención a que fixo cambiar o relato oficial.
Segundo o PSdeG, o xiro na postura do rexedor responde á presión exercida polos veciños e veciñas da zona, que "queren ver rematada a obra antes do verán" e manifestaron as súas queixas durante unha visita dos socialistas ao barrio.
Durante esa visita, os representantes do PSdeG puxeron o foco na falta de control da execución da obra, sinalando erros evidentes como a colocación de farolas xusto ao carón de árbores de gran porte. “As farolas foron colocadas pegadas a árbores de gran porte que ocultan a iluminación cas súas ramas, e iso a pesar de que as árbores xa están podadas, e cando volvan a medrar a ineficiencia da iluminación será aínda maior, o que non é lóxico nunha obra nova”, apuntan.
A formación socialista tamén alertou sobre “riscos de accidentes derivados de malas prácticas na execución”, citando como exemplos “ferros con puntas vivas nas aceras, cables accesibles e mal protexidos, árbores con raíces cortadas con risco de enfermar e caer no futuro”.
Entre as propostas concretas trasladadas ao Goberno local, o PSdeG pide a creación dun paso de peóns xusto diante do Parque José Martí, co obxectivo de mellorar a conexión peonil entre a veciñanza e a praia a través desta zona verde.
Os socialistas reprochan a Alternativa dos Veciños o seu intento de desviar a atención e evadir responsabilidades. “Despois de dicir nós que o estado das obras non xustificaba ese paseo 'triunfal' e que todos os esforzos deberían centrarse en acelerar os prazos, agora bótanlle a culpa a Naturgy, convocan protesta e 'invitan' aos locais a pechar para sumarse á protesta. Ao máis puro estilo Kim Jong-un”, critican, facendo un paralelismo coa propaganda e a coacción propias de réximes autoritarios.
Desde o PSdeG esixen transparencia, rigor técnico e responsabilidade política para garantir que as obras conclúan con calidade, seguridade e nos prazos máis breves posibles.