O PSdeG de Oleiros critica ao alcalde por comparar a demolición da Casa Carniceiro coa DINA

ACoruñaXa
A Fiscalía sinala ao rexedor no xuízo polo derrubo da Casa Carniceiro por un presunto delito contra o patrimonio histórico
casa-carniceiro-oleiros
21 May 2025

O PSdeG de Oleiros sinala a unhas declaracións do alcalde, Ángel García Seoane, durante o xuízo polo derrubo da Casa Carniceiro. Os socialistas cualifican como “un exercicio de mal gusto sen límites” a insistencia do rexedor en comparar a súa actuación coa traxedia provocada pola DINA en Valencia, chegando a consideralo unha “falta de respecto intolerable ás vítimas”.

Desde a formación socialista lamentan que Oleiros volva ser noticia, segundo din, “por accións ao marxe da lei” do seu alcalde. Critican que García Seoane trate de presentarse como “salvador” do municipio, tras afirmar no xuízo que evitou posibles desgracias ao derrubar o inmoble. “Proclámase como se evitase unha catástrofe, esquecendo dicir que tiña dende había meses permiso para consolidar o edificio e que non fixo nada porque non quixo, ou porque lle molestaba esa casa”, aseguran.

O PSdeG insiste en que o alcalde non pode escudarse en supostos perigos estruturais para xustificar a súa actuación unilateral. “Se tan claro tiña o risco, por que non actuou antes?”, preguntan. “A súa obriga era garantir a seguridade, e durante meses desatendeu esa responsabilidade con Casa Carniceiro”, engaden, suxerindo que detrás da inacción había intereses persoais ou un convencemento de que podía situarse por enriba da legalidade.

En lugar de asumir un posible erro, os socialistas consideran que García Seoane “volve sacar peito” e insiste en defender unha actuación que está sendo xulgada, sen recoñecer a gravidade das súas palabras nin o contexto da comparación. “Falar da DINA de Valencia para lexitimar o derrubo dun edificio en Oleiros é unha mostra de absoluto mal gusto e unha falta de respecto ás vítimas”, sentencian.

A Fiscalía demanda para o rexedor 12 anos de inhabilitación e 15 meses de cadea por un presunto delito contra o patrimonio histórico.

Finalmente, o PSdeG lembra que o alcalde representa a toda a veciñanza e reclámalle máis prudencia e responsabilidade nas súas intervencións públicas, especialmente cando están en xogo cuestións tan sensibles como a memoria de persoas falecidas nunha catástrofe natural.

OS ANTECEDENTES

Alternativa dos Veciños, baixo a dirección de Ángel García Seoane, trasladaba no seu momento ter recuperado unha grande parte do patrimonio histórico arquitectónico do Concello de Oleiros. No ano 2020, cando o Concello estaba a negociar cos propietarios da Casa Carnicero a súa adquisición coa intención de restaurala, un voraz incendio arrasou a vivenda o día 16 de xullo.

Sinalaban desde o consistorio que debido a que todo o seu interior era de madeira, só quedaron en pé 4 paredes carbonizadas e fendidas, cun serio risco de caída sobre a vía pública. Ante a situación económica dos propietarios, que debían ao Concello unha importante cantidade en concepto de taxas e impostos, o 13 de decembro dese mesmo ano o Concello adquiriu a finca que ocupaban as ruínas.

O día 26 de decembro de 2020 un forte temporal derrubou a parede interior. Coas predicións meteorolóxicas que anunciaban unha nova tormenta para os días 30 e 31 de decembro e ante o perigo de caída de parte da parede frontal, separada da N-VI por 80 cm, acordouse a demolición das ruínas da casa ao amparo da Lei de Bases de Réxime Local que prevé que ante a existencia dun perigo inminente para a cidadanía os alcaldes están obrigados a actuar para evitalo.

O Concello comunicou a actuación a Patrimonio e á xefatura de Estradas do Estado, que segundo indican, colaborou delimitando o tráfico na ponte Pasaxe co obxecto de preservar a integridade de peóns e automobilistas polo perigo que supoñía a utilización da maquinaria pesada necesaria. Aseguran así que no proceso interviron varios técnicos, xuristas e arquitectos, que avalaron cos seus informes a eliminación das ruínas. Na posterior investigación xudicial, o técnico independente nomeado pola fiscalía, tamén informou a favor da demolición.

A proposta da Fiscalía foi abrir un xuízo pola vía penal contra o alcalde por un delito contra o patrimonio histórico, solicitando unha pena de prisión 15 meses e 12 anos de inhabilitación. O Goberno local expoñía que non se aceptara a "numerosa documentación que avala a correcta actuación do Concello".

⚙ Configurar cookies
0.15616321563721