O PSdeG de Oleiros acusa a García Seoane de favorecer a especulación urbanística

O PSdeG de Oleiros sinala directamente ao alcalde, Ángel García Seoane, e ás políticas urbanísticas desenvolvidas por Alternativa dos Veciños (AAVV), como responsables do incremento dos prezos da vivenda no concello. “A redución do solo para vivenda de protección foi constante desde que gobernan con maioría absoluta”, denuncian os socialistas, engadindo que “os datos da evolución da reserva de solo para vivenda protexida non deixan lugar a dúbidas”.
Segundo o PSdeG, en 2009, cando AVV gobernaba en minoría e se aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a reserva de solo para vivenda de protección oficial era do 33,86 %, por esixencia da Xunta, entón baixo goberno socialista. A situación comezou a cambiar coas maiorías absolutas de García Seoane:
Sinalan os socialistas que en 2014, xa con maioría, a reserva reduciuse ao 10 %, o mínimo permitido pola Xunta do PP; en 2020, rebaixouse novamente ata o 6,40 %; e en abril de 2025, aumentouse lixeiramente ao 8,10 %, de novo por esixencia da Xunta.
Este último incremento, cualificano de “ridículo”, e xustifican o seu voto en contra da modificación: “Un goberno municipal comprometido cos seus veciños tería ampliado a reserva de solo para vivenda protexida, pero este alcalde impulsa os pelotazos urbanísticos mentres en AVV calan e outorgan”, denuncian.
Desde 2009 ata 2025, denuncian os socialistas, a reserva de solo para vivenda protexida caeu máis de 25 puntos, o que supón unha diminución global de máis do 400 %. “Pero a culpa do aumento dos prezos, García Seoane bótalla á Xunta e ao Estado”, critican.
O PSdeG tamén apunta que os promotores teñen un maior interese na vivenda libre, moito máis rendible, e acusan ao alcalde de “poñerlles a alfombra vermella” grazas ás súas maiorías absolutas. “Recórdaselles o IBI un 90 % mentres llo sobe un 10 % aos veciños”, indican, subliñando que esta medida é legal, pero non obrigatoria, polo que a consideran un “agasallo”.
Ademais, denuncian que a saturación urbanística está a agravar os problemas de mobilidade e de servizos, o que pode levar á perda de valor das propiedades actuais. “A quen un día vía un bosque pola ventá, ao seguinte velle unha grúa e logo unhas cantas casas adosadas”, exemplifican.
Finalmente, critican que en dous plenos consecutivos se lles impediu debater unha moción na que propoñen medidas como: Fixar un prezo máximo por metro cadrado para a vivenda protexida de nova construción; incluir nos orzamentos de 2026 unha partida mínima de 1,5 millóns de euros para políticas activas de vivenda; instar ao goberno local a ceder parcelas á Xunta para construír VPO; e iniciar a creación progresiva dun parque público municipal de vivenda en alugueiro.