O PSdeG de Carral denuncia ataques persoais de Alternativa dos Veciños

A voceira do PSdeG-PSOE no Concello de Carral, Patricia Blanco, vén de expresar a indignación do grupo socialista pola "falta de propostas" do Goberno municipal, encabezado por Alternativa dos Veciños (AAVV), e polo "trato ruín" que, segundo denuncian, están a recibir antigos membros desa formación.
Nun comunicado remitido aos medios, o PSdeG lamenta que a orde do día da comisión informativa ordinaria do mes de maio conte unicamente con dous puntos: a aprobación da acta dunha sesión anterior e un recoñecemento extraxudicial de crédito. “O Goberno municipal, ademais de non dignarse a reunirse coa oposición, non leva propostas a debate”, sinala o grupo socialista.
En relación co paso de peóns da Costa do Pincho, desde o PSdeG insisten en que “ten algo que non nos deixan coñecer”, cuestionando como é posible que Fomento “negase ese permiso durante 10 anos e agora o autorice”. Ademais, critican que o Concello teña que asumir o mantemento de aparcadoiros vinculados ao paso, lembrando que “os pasos de peóns non teñen aparcadoiros”.
Tamén reclaman información sobre o estado do proxecto de reforma do Espiño, incluído no Plan Único (POS) da Deputación da Coruña. “Seguimos sen ter novas e anunciamos que non nos vai valer calquera parche”, advirten.
Finalmente, o PSdeG manifesta o seu rexeitamento ás "descalificacións" contra os seus representantes e, especialmente, ao tratamento que din estar a recibir os exconcelleiros e exconcelleiras de Alternativa dos Veciños que abandonaron o grupo político. “Parécenos noxento e moi ruín o tratamento que están a recibir, en concreto os membros que formaban parte do goberno”, afirman. Tamén lembran que parte dos integrantes actuais de AV foron no pasado militantes ou simpatizantes do PSdeG en Carral, e que “nunca recibiron ese trato”.