O PSdeG de Cambre rexeita formar parte da Xunta de Goberno e continuará na oposición

O PSdeG-PSOE de Cambre anunciou que non formará parte da Xunta de Goberno Local nin aceptará ningunha dedicación retribuída, comprometéndose a continuar desde a oposición cunha “actitude responsable e coherente”. Así o fixo público o voceiro socialista, Diego Alcantarilla, quen explicou as razóns que levaron ao grupo a tomar esta decisión tras un período de reflexión.
"Despois de estar un tempo valorando se entrar na Xunta de Goberno ou non, decidimos finalmente que non imos entrar neste órgano", afirmou Alcantarilla, indicando que non se cumpriron as condicións previas que o grupo socialista consideraba necesarias.
Un dos motivos esgrimidos polo portavoz é a negativa recente do BNG a integrarse na Xunta de Goberno. “Xa non se cumpre unha das condicións que puxeramos para entrar, que era que a Xunta de Goberno estivese integrada por unha ampla maioría dos grupos políticos da corporación”, sinalou. Tamén a formación Unión por Cambre (UxC) quedará fóra deste órgano.
A outra razón, segundo Alcantarilla, responde á vontade de manter unha postura fiscalizadora desde a oposición sen renunciar ao diálogo: “Desde a oposición imos facer unha oposición responsable e coherente como estivemos facendo ata o de agora, sen que iso impida seguir tendo diálogo e chegar a acordos e consensos para poder sacar adiante o que necesite o Concello de Cambre”.
Ademais, o grupo socialista renuncia expresamente a calquera tipo de retribución. “Decidimos que tampouco recibiremos ningunha dedicación”, indicou Alcantarilla, quen tamén advertiu que o grupo non apoiará “ningún incremento retributivo”.
O voceiro socialista fixo fincapé na difícil situación económica que arrastra o Concello, lembrando que “múltiples autónomos e empresas seguen pendentes de cobrar polos servizos prestados ao Concello debido á nefasta xestión do goberno anterior”. E concluíu: “Ata que iso se solucione non ten sentido aumentar as retribucións de membros da corporación”.
Desde o PSdeG-PSOE de Cambre aseguran que seguirán “traballando por Cambre e facendo o que sexa mellor para a veciñanza”, convencidos de que “neste caso, onde mellor podemos facelo é desde a oposición”.