O PSdeG de Arteixo reclama melloras urxentes na fonte de A Cachada polo seu estado deficiente

ACoruñaXa
O grupo socialista reclama que se acondicione a fonte para que poida ser utilizada de forma adecuada e segura
lavadoiro-arteixo
6 May 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo vén de solicitar ao Goberno local actuacións urxentes de mellora na fonte de A Cachada, un espazo moi frecuentado pola veciñanza para recoller auga de uso doméstico.

A través dun rogo presentado no Concello, os socialistas denuncian o deficiente estado de mantemento da fonte, a dificultade de acceso e a ausencia dun espazo para estacionar vehículos con seguridade. “A fonte é un lugar moi visitado pola veciñanza deste núcleo do concello para recoller auga para utilizar nas súas vivendas”, explica o portavoz socialista, Martín Seco.

Desde o PSdeG recoñecen que “ante as nosas peticións, houbo unha pequena actuación para desatascar o lavadoiro”, pero consideran que esta intervención é insuficiente. “O que se precisan son solucións para evitar o deterioro de forma permanente”, subliñan.

Seco tamén destaca os problemas que ten a veciñanza para acceder á auga en condicións dignas: “Habitualmente para poder coller auga, non se pode baixar ata o lavadoiro ao estar cheo de auga que chega ata os xeonllos”.

Por todo isto, o grupo socialista reclama que se acondicione a fonte para que poida ser utilizada de forma adecuada e segura, e que se habilite un espazo para o estacionamento de vehículos, mellorando así a accesibilidade ao lugar.

 

⚙ Configurar cookies
0.18393993377686