O PSdeG de Arteixo reclama a creación dun viveiro de empresas municipal para novos emprendedores

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian que é outra das promesas incumpridas do goberno popular de Carlos Calvelo desde 2020
Imaxe da parcela da Schweppes no polígono de Sabón
25 Jun 2024

O grupo municipal socialista de Arteixo reiterou a súa solicitude para a creación dun viveiro de empresas e un espazo co-working para novos emprendedores do Concello.

O portavoz dos socialistas arteixáns, Martín Seco, sinala que co desenvolvemento da parcela da Schweppes no polígono de Sabón, o actual goberno municipal anunciou en 2020 a creación dun viveiro de empresas nesa parcela, con espazo para 20 pequenas compañías e 600 metros cadrados, para dar servizo aos novos emprendedores/as a un prezo simbólico.

Seco engade que no ano 2022 o goberno local anunciou a redacción dunha proposta técnica para acondicionar o local do complexo Nexus-Sabón para a súa posta en marcha nese mesmo ano, pero “transcorridos 2 anos e medio nada se volveu saber”. “Atopámonos cun espazo baleiro e cun proxecto que quedou en mero anuncio, nun concello que ten un forte dinamismo económico e unha poboación que podería arrancar o seu proxecto empresarial baixo o paraugas da nosa administración” afirma o concelleiro socialista.

Os socialistas arteixáns indican que “concellos como Carballo ou Cerceda teñen á súa disposición un viveiro de empresas”. Explican que en 2023 o viveiro de Carballo tiña once oficinas ocupadas con diferentes proxectos de consultoría informática, compraventa, contrución e reformas, enxeñería e proxectos, enerxías renovables, seguros, etc... e dende o 2007 ten acollido 65 proxectos como lanzadera de novas iniciativas de diversa índole industrial. No caso de Cerceda, o viveiro ten dende o 2017, 12 oficinas das que estaban ocupadas seis no 2023.

Con estes datos na man, o PSOE de Arteixo pídelle ao grupo de goberno do PP “que cumpra o prometido” e poña por fin en marcha o viveiro de empresas municipal de Arteixo para novos emprendedores/as neste 2024.

0.15924191474915