O PSdeG de Arteixo reclama a Costas solucións estruturais para frear o deterioro das praias

ACoruñaXa
O grupo socialista sinala á degradación progresiva do litoral, afectado polos efectos do porto exterior de Punta Langosteira
praia-repibelo-arteixo
17 Jun 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo instou ao Goberno local a dar un paso máis alá das medidas provisionais como a retirada de pedras e o movemento de areas nas praias do municipio. Os socialistas reclaman que o Concello solicite formalmente á Dirección Xeral de Costas a elaboración dun estudo técnico “rigoroso” que permita deseñar infraestruturas capaces de frear a degradación progresiva do litoral, afectado polos efectos do porto exterior de Punta Langosteira.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que o seu grupo “leva anos presentando emendas aos orzamentos do Estado” co obxectivo de conseguir os investimentos necesarios que permitan contrarrestar a alteración das correntes mariñas provocada polo dique do porto. Un impacto que, segundo o PSOE, está detrás do deterioro que sofren areais como O Relojero, Valcovo, Repibelo ou Barrañán, así como das súas importantes formacións dunares.

Desde o grupo socialista consideran que as actuacións impulsadas ata o momento pola Dirección Xeral de Costas son claramente insuficientes. “Medidas que, como se comproba ano tras ano, resultan insuficientes”, denunciou Seco, en referencia ás intervencións de mantemento que se limitan ao movemento de area e retirada de pedras.

“É o momento de apostar por solucións serias e duradeiras que permitan preservar o noso patrimonio natural e garantir o uso e goce das praias polas futuras xeracións”, subliñan desde o grupo municipal.

Por ese motivo, o PSdeG preguntou se o Concello xa fixo algunha solicitude formal a Costas para impulsar ese estudo técnico e a posible execución de obras que garantan a estabilidade e conservación do litoral arteixán.

“O PSdeG-PSOE continuará traballando para que Arteixo teña un litoral protexido e compatible coa actividade portuaria”, concluíu Seco.

⚙ Configurar cookies
0.177649974823