O PSdeG de Arteixo propón un plan estratéxico para impulsar o turismo de surf no municipio

ACoruñaXa
A proposta tamén propón que Arteixo se sume á plataforma estatal Rede de Pobos do Surf
Imaxe dun surfeiro
24 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao próximo pleno unha moción coa que pretende poñer en marcha un Plan Director de Turismo de Surf, así como iniciar os trámites para incorporar o municipio á Rede de Pobos do Surf, unha plataforma estatal que promove un modelo turístico sostible ligado á práctica deste deporte.

A proposta nace, segundo explica o portavoz socialista Martín Seco, trala reunión mantida co colectivo veciñal Arteixo Futuro, e enmárcase nunha aposta por un desenvolvemento que combine “actividade deportiva, respecto polo medio ambiente e dinamización económica”. Seco sinala que “o surf é un deporte en crecemento, cun impacto cada vez maior nos nosos areais —como Sabón, Barrañán ou Valcovo— e con escolas de surf activas no municipio, polo que é o momento de ordenar e planificar o seu desenvolvemento de forma estratéxica”.

O Plan Director que defenden os socialistas tería un horizonte de cinco anos e recollería liñas de actuación como a mellora de infraestruturas de apoio (accesos, aparcamentos, alugueiro de material), a xestión sostible do litoral, programas de seguridade e formación, promoción turística vinculada ao surf e a participación cidadá no deseño e execución das accións.

A moción tamén propón que Arteixo se sume á Rede de Pobos do Surf, unha iniciativa que xa conta con municipios galegos como Carballo ou Ferrol, así como concellos en Asturias, Cantabria ou Euskadi. Esta rede está financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e ten como obxectivo fomentar o emprendemento local, a creación de emprego e o respecto pola cultura surfeira como motor de desenvolvemento.

Para o PSdeG, a adhesión a esta rede suporía “unha oportunidade única para posicionar a Arteixo como destino de surf de referencia”, aproveitando a súa ampla costa e sumándose a experiencias exitosas xa consolidadas. “Temos praias, temos surfistas, temos escolas… só nos falta un proxecto serio, planificado e participado. Esta é unha aposta polo futuro, polo turismo sostible e por dar valor ao que xa temos”, conclúe Martín Seco.

⚙ Configurar cookies
0.15852308273315