O PSdeG de Arteixo pide a retirada dun contrato de publicidade institucional de máis de 673.000 euros

ACoruñaXa
A formación socialista propón reorientar eses fondos a políticas públicas que beneficien directamente á cidadanía
Martín-Seco-PSOE
24 Jun 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno deste xoves unha moción na que insta ao Goberno local do PP a renunciar ao contrato denominado “Plan de medios e difusión publicitaria das campañas de publicidade e comunicación institucional e outras accións comunicativas do Concello de Arteixo”, cun orzamento previsto de 673.137,06 euros entre 2025 e 2027.

O reparto por anualidades inclúe 116.058,11 euros para o ano 2025, e 278.539,47 euros para cada un dos exercicios 2026 e 2027. A esta contía súmanse os máis de 125.000 euros anuais que o Concello xa destina á comunicación institucional, entre os que se inclúe un asesor externo cun custe de 76.454,28 euros ao ano e un traballador público encargado da edición de contidos, cun salario anual de 49.240,14 euros.

Segundo os cálculos dos socialistas, entre persoal e o novo contrato, o PP prevé investir máis de un millón de euros en comunicación institucional ata o final do actual mandato. Unha cifra que, segundo denuncian, contrasta coa falta de resposta a necesidades prioritarias da veciñanza, como a vivenda ou os servizos sociais.

“O Concello conta con persoal suficiente para elaborar campañas informativas. Este gasto desmesurado en publicidade responde a intereses partidistas e non ao interese xeral da veciñanza”, afirmou o voceiro socialista, Martín Seco.

A moción presentada polo PSdeG solicita a renuncia inmediata ao contrato de publicidade institucional e propón reorientar eses fondos a políticas públicas que beneficien directamente á cidadanía, como programas de vivenda, reforzo dos servizos sociais ou dinamización da vida cultural e social.

“O que necesita Arteixo é máis vivenda asequible, máis servizos públicos e máis apoio á xente, non máis propaganda partidista pagada cos cartos de todos”, concluíu Seco.

⚙ Configurar cookies
0.17853498458862