O PSdeG de Arteixo denuncia incumprimentos laborais graves en SUMARTE

ACoruñaXa
Os socialistas insisten en que o Goberno local tivo tempo para sentarse a negociar un novo modelo organizativo
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
21 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu levar ao pleno de xuño a problemática situación laboral do persoal da empresa pública SUMARTE, logo de coñecerse un informe da Inspección de Traballo que constata a superación dos límites legais de horas extraordinarias por parte da maioría dos traballadores do servizo de augas nos anos 2023 e 2024.

O portavoz socialista, Martín Seco, advertiu de que a resolución abre un expediente sancionador por infracción grave, “que deberá asumir a empresa pública, e en última instancia, os cidadáns e cidadás de Arteixo”.

Os socialistas lembran que xa no pleno de outubro de 2024 advertiran desta situación tras unha denuncia realizada polo propio persoal, que xa daquela alertaba do exceso de xornada anual e da falta de vontade negociadora por parte da dirección de SUMARTE e do executivo municipal. Segundo explica Seco, naquela ocasión a resposta do goberno foi negar a existencia de problemas e “criticar ao noso grupo por poñelo en evidencia, nun intento de tapar a súa falta de responsabilidade e diálogo”.

Dende o PSdeG insisten en que o Goberno local tivo tempo desde xullo de 2024 para sentarse a negociar un novo modelo organizativo, pero lamentan que “segue sen dar pasos, mentres acumula sancións e deteriora as condicións de traballo” dun servizo tan esencial como é o de abastecemento e saneamento de auga.

A denuncia socialista esténdese tamén a outras áreas. Martín Seco afirma que a situación non é un caso illado: “os traballadores do servizo de recollida de lixo, dependentes do Concello, seguen sen solución aos seus problemas laborais, mentres os responsables políticos nin os escoitan nin se sentan a negociar”. Ademais, engade que o persoal de SUMARTE asignado á limpeza viaria “vese obrigado a asumir tarefas da recollida de residuos sen reforzos, deixando o seu servizo en precario”.

Para o portavoz socialista, o problema radica na falta de xestión e de vontade política: “Arteixo ten capacidade económica para ter servizos públicos dignos, pero o que falla é a xestión e a vontade de diálogo do goberno local”. E conclúe con dureza: “Non se pode gobernar tratando aos traballadores como inimigos nin ignorando as resolucións da inspección laboral”.

Desde o Grupo Municipal Socialista esixen “transparencia, diálogo e responsabilidade” por parte do executivo na xestión dos servizos públicos e no trato ao persoal que os presta.

⚙ Configurar cookies
0.17617106437683