O PSdeG de Arteixo denuncia graves irregularidades no servizo de recollida do lixo

O grupo municipal socialista de Arteixo leva meses alertando sobre a situación laboral do persoal do servizo de recollida do lixo sen recibir explicacións claras por parte do grupo de goberno do PP. A formación denuncia múltiples irregularidades e acusa ao concelleiro responsable de ocultación e autoritarismo.
O voceiro socialista, Martín Seco, criticou que o concelleiro encargado do servizo “non contesta ás cuestións plantexadas polo grupo socialista ou minte sen complexos en sede pública, mentres amosa o seu carácter autoritario cos empregados ao seu cargo”.
Entre as irregularidades detectadas, o PSdeG apunta ao incumprimento dos descansos semanais e diarios recollidos no Estatuto dos Traballadores, sobrecarga nos camións durante os servizos —acreditada nun informe do capataz—, así como a circulación de vehículos sen as condicións de seguridade requiridas, segundo advirte un informe da Policía Local.
Ademais, denuncian percorridos múltiples que non respectan a normativa de tráfico, en contraste coas afirmacións do concelleiro, que aseguraba que só se afectaba unha rúa. Tamén se alerta do acceso dos camións a instalacións de empresas privadas para recoller lixo sen cumprir coa normativa vixente.
Outro feito grave sinalado polos socialistas é a participación directa do propio concelleiro nas tarefas de recollida, manexando camións sen a capacitación nin o seguro correspondente, e facéndoo sen empregar os equipos de protección individual. “Algo que puidemos observar cos nosos propios ollos”, asegurou Seco.
O grupo tamén denuncia o que consideran un caso de persecución sindical, tras a apertura dun expediente disciplinario a un delegado sindical por unhas supostas agresións que el nega. “Ese expediente está xa nos xulgados, e se se confirma que se tratou dun intento de impedir a súa actividade sindical, pediremos responsabilidades políticas”, afirmou o portavoz socialista.
Os socialistas lembran que levan meses solicitando información sobre estas cuestións. Aínda que o grupo de goberno afirmaba ter entregado un informe do capataz, este non foi facilitado ata o último pleno, malia as reiteradas peticións. “Ao analizalo, comprobamos que confirma as denuncias feitas polos traballadores”, sostén Seco.
Dende o PSdeG-PSOE de Arteixo consideran “inadmisible” a falta de actuación por parte do concelleiro responsable e reclaman explicacións inmediatas e medidas correctoras. “Debe garantir o cumprimento dos dereitos laborais e sindicais do persoal. Se non está disposto a facelo, debería dimitir ou ser cesado polo alcalde”, concluíu Seco.