O PSdeG de Arteixo denuncia a inacción do Goberno local ante as inundacións en Santaia de Arriba

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu reclamar no pleno municipal explicacións polo incumprimento da moción aprobada en novembro de 2023 que instaba o executivo local a actuar con urxencia para poñer fin ás frecuentes inundacións en Santaia de Arriba. Segundo denunciaron, un ano despois, “non hai avances coñecidos nin execución das obras comprometidas”.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que a moción foi promovida polos tres grupos da oposición e aprobada por unanimidade pola corporación municipal. O obxectivo era esixir solucións inmediatas aos problemas causados polo aumento do caudal do Rego da Ranqueira, que provoca anegamentos recorrentes tanto nas vivendas como na estrada da zona.
A iniciativa recollía “o malestar dunha veciñanza que leva anos sufrindo danos e riscos derivados da falta de actuación por parte do executivo municipal”. Entre os efectos máis preocupantes figuran os danos estruturais en casas particulares e os deterioros na vía pública, que segundo alertan, “poderían derivar en accidentes de consideración”.
“Ante o cansazo e a frustración da veciñanza, que decidiu actuar por iniciativa propia mentres observa como en outras zonas do concello si se actúa con celeridade cando se detectan riscos para a seguridade cidadá”, o Grupo Socialista decidiu volver levar o asunto ao pleno.
Con todo, aseguran que a resposta do goberno foi decepcionante. “Atopámonos cun lavado de mans por parte do goberno local”, afirmou Seco. Os socialistas critican que, malia ter transcurrido máis dun ano desde a aprobación da moción, o executivo non fixera nada nin dera explicacións ao respecto.
“Non é de recibo que se aproben mocións por unanimidade e que, pasados máis de doce meses, non se actúe nin se dean explicacións á veciñanza”, concluíu o voceiro socialista.
O PSdeG de Arteixo insiste así na urxencia dunha intervención que poña fin aos riscos para a seguridade e a calidade de vida dos residentes en Santaia de Arriba.