O PSdeG de Arteixo denuncia a contradición entre as bandeiras azuis e a realidade ambiental das praias

ACoruñaXa
Desde o PSdeG tamén se critican as deficiencias en accesibilidade e servizos nas praias
praia-arteixo
6 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo puxo o foco esta semana nas contradicións existentes entre os distintivos de calidade ambiental que reciben as praias do municipio e a situación real que presentan, segundo alertan no informe anual de Ecoloxistas en Acción. A organización ecoloxista outorgou dúas bandeiras negras —símbolo de contaminación ambiental— á Praia Grande e ao Porto de Suevos, debido ás verteduras fecais, a falta de saneamento nas vivendas e os cheiros procedentes da empresa SARVAL.

"Mentres isto acontece, a praia de Suevos foi galardoada cunha nova bandeira azul", lamentou o portavoz socialista, Martín Seco, poñendo en dúbida o valor real deste recoñecemento. Para o grupo socialista, esta distinción “responde máis a intereses publicitarios que á realidade ambiental e de servizos destes espazos naturais”.

Desde o PSdeG tamén se critican as deficiencias en accesibilidade e servizos nas praias, que consideran "evidentes para calquera visitante". Ademais, lembran que as verteduras non se limitan a Suevos, senón que afectan tamén ao río Bolaños, á praia de Sabón e incluso a areais emblemáticos como Barrañán.

Os socialistas acusan á Autoridade Portuaria de inacción e denuncian o deterioro físico progresivo dalgunhas praias desde a construción do porto exterior, sen medidas rexenerativas nin investimentos adecuados. “Praias como A Hucha, Reiro ou Area Grande están practicamente abandonadas, mentres outras como Valcovo ou A Salsa perden area e acumulan pedras sen solucións reais”, aseguran.

Martín Seco reclama un sistema de avaliación ambiental máis transparente e rigoroso, baseado en certificados de calidade baixo normas UNE que teñan en conta aspectos como a limpeza, a seguridade ou o servizo de salvamento, fronte ao que cualifica de “opacidade” nas bandeiras azuis actuais.

Sobre o Porto de Suevos, os socialistas insisten na súa situación de precariedade e risco. “Sen legalización efectiva desde 2014, sen servizos básicos como o saneamento e con ameazas industriais próximas ao núcleo residencial”, advirten. E engaden: “Hai proxectos que mesmo o alcalde cualifica de bomba de reloxería, pero a veciñanza continúa sen información nin garantías”.

Con esta denuncia pública, o PSdeG de Arteixo reclama un cambio de rumbo nas políticas ambientais e unha resposta contundente ás deficiencias estruturais que, ao seu xuízo, seguen sen abordarse con seriedade.

⚙ Configurar cookies
0.20572996139526