O PSdeG de Arteixo cuestiona o proceso de contratación do servizo de socorrismo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de denunciar publicamente supostas irregularidades no procedemento de contratación do servizo de socorrismo para os areais do municipio durante este verán de 2025. A formación insta ao Goberno local do PP a dar explicacións ante o que consideran un proceso pouco transparente e cheo de dúbidas.
Segundo explicou o voceiro socialista, Martín Seco, foron catro as empresas que se presentaron ao concurso: Forgeser, Top Rescue, Esproade e Axiña. O edil sinala que “resulta cando menos sorprendente que fosen excluídas na fase técnica dúas empresas con ampla experiencia no sector”, citando expresamente a Top Rescue, que actualmente opera en municipios como A Coruña ou A Laracha.
No entanto, a empresa Axiña acadou a máxima puntuación técnica a pesar de que, segundo os socialistas, non consta que conte con experiencia previa en servizos de socorrismo, “algo que esperta serias dúbidas”.
Seco tamén puxo o foco na empresa Esproade, que, malia presentar a oferta económica máis vantaxosa, non resultou inicialmente adxudicataria por quedar por detrás na valoración técnica, na que Axiña logrou o 100% da puntuación. “Foi a propia ESPROADE quen tivo que solicitar acceso á documentación de Axiña, detectando que esta última non cumpría os requisitos de solvencia técnica, algo que non advertiu inicialmente o servizo de contratación municipal”, explica o portavoz. Finalmente, tras esa revisión, o contrato foi adxudicado a Esproade.
O grupo socialista alerta tamén de posibles deficiencias no servizo actual de salvamento e vixilancia, referidas á falla de material e á xestión do persoal, aspectos que, segundo denuncian, debería inspeccionar o propio Concello.
Outro punto que levanta sospeitas para os socialistas é o número de contratos municipais que Axiña acumula. “Tamén resulta chamativo o elevado número de contratos que Axiña xestiona no Concello, gañando sistemáticamente todos os procesos aos que se presenta, sexa pola súa valoración técnica, incluso cando non presenta a mellor oferta económica”, indicou Seco. Entre eses contratos atópanse a xestión da piscina de Meicende e, previsiblemente, tamén a da piscina de Arteixo. Neste último caso, o PSdeG critica que o Concello vaia investir preto de 1 millón de euros antes de sacala a concurso, alterando o modelo anterior no que era a empresa concesionaria a que debía asumir ese gasto.
Por todo isto, o Grupo Socialista solicitou no pleno explicacións ao Goberno local sobre a exclusión de empresas con experiencia, a máxima puntuación técnica concedida a Axiña sen que conste experiencia no sector e por que non se detectou inicialmente a súa falta de solvencia técnica.
Os socialistas insisten en que seguirán fiscalizando a acción do executivo local: “defenderá sempre a transparencia, a competencia xusta e a mellor calidade dos servizos públicos para a veciñanza de Arteixo”.