O PSdeG de Abegondo critica os orzamentos municipais de 2025 por "repetitivos"

ACoruñaXa
O grupo municipal socialista considera que as contas municipais presentan "moitas carencias"
pleno-xaneiro-abegondo
12 Mar 2025

O grupo municipal socialista de Abegondo criticou que os orzamentos do Concello para 2025, que se debatirán no pleno extraordinario de mañá, 13 de marzo, son unha simple "copia e pega" dos de 2024 e non teñen en conta as necesidades da veciñanza.

Así o expresou o voceiro socialista, Jairo Bello, quen denunciou que “o Partido Socialista leva meses preguntando nos plenos cando se ían presentar os presupostos, pero en ningún momento se nos convocou nin se nos fixo ningunha proposta”.

Ademais, lamentou que “outros anos o presuposto se levaba a pleno extraordinario en maio, como o ano pasado, e aínda que este ano se adiante un pouco, segue chegando con tres meses de atraso”.

Críticas á xestión do investimento municipal

O PSdeG considera que as contas municipais presentan "moitas carencias", entre elas a elevada partida destinada á adquisición de terreos, locais e vivendas. Bello destacou que “especialmente grave é a compra dun local en Santiso por 400.000 euros, nunha negociación privada con particulares”, e criticou que “o goberno actúe como unha axencia inmobiliaria en vez de xestionar os recursos doutro xeito”.

Tamén cualificou de "insuficientes" os incrementos en bolsas educativas, afirmando que “os universitarios de Abegondo están completamente desamparados e con poucas axudas”. Do mesmo xeito, considera que a partida destinada a emerxencia social é escasa e que “o investimento en infraestruturas deportivas é totalmente deficiente, cando contamos cunhas instalacións que precisan unha renovación urxente”.

No que respecta ás obras e ao saneamento, denunciou que “non hai ningunha novidade nos orzamentos”, sinalando que “moitas das actuacións previstas en anos anteriores aínda están sen executar e sen previsión de facelo”. Para o PSdeG, a falta de investimentos no saneamento é especialmente preocupante, pois “segue sendo un servizo esencial do que moitos veciños e veciñas das parroquias aínda carecen”.

Suba da taxa ICIO

Máis alá dos orzamentos, no pleno extraordinario tamén se abordará o incremento da taxa ICIO (Imposto de Construción, Instalación e Obras) para permisos, licenzas de obra e reformas. Bello advertiu que se trata dun "incremento importante" e que “é unha suba inxustificada, cun único obxectivo: aumentar a recadación municipal”.

“O valor do mercado inmobiliario está en alza e o goberno local non fai nada para axudar. Non podemos pretender que a xente de Abegondo poida construír ou asentarse no municipio mentres se encarecen as taxas, facendo aínda máis prohibitivo o acceso á vivenda”, concluíu o voceiro socialista.

⚙ Configurar cookies
0.17174386978149