O PSdeG da Coruña reelixe a Bernardo Fernández como secretario xeral provincial

GaliciaXa | ACoruñaXa
No marco do seu V Congreso, o PSdeG reafirmou a súa vontade de reforzar a acción política no territorio
psoe-prov
11 May 2025

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña celebrou o seu V Congreso Provincial, no que Bernardo Fernández Piñeiro foi reelixido como secretario xeral sen oposición. Durante o seu discurso, Fernández agradeceu á militancia “pola súa implicación e pola mostra de unidade que representa a súa reelección”, cualificándoa como “un exemplo que nos fortalece como organización”. Presente estivo, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral dos socialistas galegos, que foi claro na súa mensaxe: “Temos que levantar a cabeza, dicir con orgullo que somos socialistas, que temos un modelo que funciona e que queremos gobernar para transformar”.

“Asumo esta responsabilidade coa mesma humildade, ilusión e compromiso que hai tres anos”, sinalou, destacando que o obxectivo fundamental do partido non é só gañar eleccións, senón tamén “traballar pola sociedade, garantir dereitos e liberdades e facer de Galicia un lugar máis xusto e igualitario”.

No marco do congreso, o PSdeG reafirmou a súa vontade de reforzar a acción política no territorio e preparar as próximas citas electorais, con especial atención á consolidación da Deputación da Coruña, ao incremento do número de alcaldías e á chegada de José Ramón Gómez Besteiro á presidencia da Xunta.

O lema escollido, “Escoitar, traballar, gañar”, foi definido polo secretario xeral como representativo da esencia da política socialista, baseada na proximidade e no diálogo coa cidadanía: “escoitar á cidadanía, é a mellor garantía de acerto nas decisións que tomamos día a día”.

Bernardo Fernández fixo un chamamento á militancia para “escoitar e traballar en cada concello para gañar máis alcaldías” e consolidar o PSdeG como “primeira forza do municipalismo galego”. Reivindicou o papel do municipalismo como eixe fundamental da acción política do PSOE, destacando que “nos gobernos do PSdeG gobérnase para todos e todas, non só para as minorías como fai o Partido Popular”.

Tamén fixo balance do traballo realizado no último mandato, salientando que os 30 concellos gobernados polo PSdeG son exemplo de boa xestión, planificación e políticas sociais. A nova executiva provincial presentada está composta por 64 membros, dos cales 40 son novas incorporacións, combinando así renovación e experiencia.

Fernández destacou a fortaleza do partido a nivel local, agradecendo o labor de alcaldes, alcaldesas e tamén dos que traballan dende a oposición: “sen militancia, un partido non é máis que unhas siglas”.

Na súa intervención, o secretario xeral cargou contra o Partido Popular e o seu modelo de xestión, exemplificado no “bono peixe”, ao que se referiu como un “bono-voto”, criticando que “os problemas de capturas e de produción das nosas rías vanse solucionar con cinco euros de gasto en peixe á semana?”. E ironizou sobre o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo: “un día é rubio, outro moreno, outro ten canas, outro ten gafas... Aquí era de centro, outro día é de dereitas, outro de extrema dereita... É o Míster Potato da política española”.

Tamén criticou ao BNG polas súas “contradicións constantes”, ao opoñerse ao aumento do gasto en defensa mentres reclama carga de traballo para o sector naval en Ferrol: “parece que non sabe que en Ferrol fabricamos barcos de guerra”.

Fernández rematou a súa intervención cunha apelación á mobilización para seguir liderando as políticas municipais e sociais, lembrando unha frase de José Luis Rodríguez Zapatero: “Os grandes logros deste país foron sempre soñados por socialistas. Non deixemos nunca de soñar”.

⚙ Configurar cookies
0.15146398544312