O PSdeG da Coruña abre o proceso cara ao 5º Congreso Provincial

O PSdeG provincial da Coruña dá o pistoletazo de saída ao proceso de renovación dos seus órganos de dirección, tras a recente elección dunha nova executiva nacional galega, liderada por José Ramón Gómez Besteiro. O Partido celebrou esta mañá un Comité Provincial no que se acordou a data do 5º Congreso Provincial da Coruña, fixado para o vindeiro once de maio. Asemade ratificou o calendario deste proceso para elixir ás compañeiras e compañeiros que capitanearán a formación no ámbito provincial os vindeiros anos.
O actual secretario provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández, destacou neste acto que “o PSdeG representa unha forza de referencia na defensa dos intereses e dereitos das coruñesas e dos coruñeses. Tócanos agora proceder á elección das persoas que están chamadas a dirixir a Organización ao longo dos vindeiros anos.”
Fernández puxo en valor ao PSdeG na provincia “Un Partido que está sendo clave nesta provincia que é o partido de referencia para as coruñesas e coruñeses que na súa maioría están gobernados por alcaldesas e alcaldes socialistas que se deixan o pelexo todos os días para defender os seus intereses e para traballar pola veciñanza dos seus pobos e vilas. Para garantir mellores servizos, mellores infraestruturas e mellores dereitos.”
O secretario provincial criticou que “Todo isto dáse nun contexto de afogamento económico por parte da Xunta de Galicia a moitos concellos aos que se nos impoñen competencias impropias sen achegar os recursos necesarios, segundo esa visión caciquil e partidista que ten o Partido Popular das institucións.”
Fernández quixo poñer en valor que “a pesar de todos eses atrancos, contra vento e marea, tanto as alcaldesas e alcaldes, así como todas as compañeiras e compañeiros que representan ao Partido seguen a traballar con esforzo para sacar adiante os seus concellos e ser útiles á cidadanía.”
Durante a súa intervención, o secretario provincial tamén quixo pór en valor a gran labor que realiza o equipo socialista na Deputación da Coruña. “Nos últimos mandatos esta institución amosou a súa gran capacidade de xerar cambio e ser útil para a provincia, posto que apoia o emprendemento, impulsa a xeración de empresas e de emprego, pon en marcha plans de acompañamento para axudas a domicilio, promove o funcionamento do tecido deportivo e facilita recursos para os noventa e tres concellos da provincia da Coruña”, explicou.
Para isto Fernández concluíu afirmando que “é moi importante que este partido continúe con compañeiras e compañeiros comprometidos á fronte cos valores socialistas e polos que levamos loitando máis de cento corenta anos. Isto é o que fai que despois de todo este tempo esta organización sexa útil e sexa a mellor garantía de progreso e de futuro nesta provincia.” “Iniciamos este proceso con optimismo, moita enerxía e gañas cunha tarefa tan fermosa como é a do servizo público”, subliñou.
Calendario do 5º Congreso Provincial da Coruña
No Comité Provincial celebrado esta mañá en Culleredo, o PSdeG Provincial da Coruña convocou o congreso provincial para o vindeiro 11 de maio. Nesta sesión presentouse o calendario dos vindeiros meses e as bases da convocatoria. Entre o 31 de marzo e o 2 de abril presentaranse as precandidaturas ás primarias e o 10 de abril publicaranse os centros electorais.
A recollida de avais terá lugar entre o 5 e o 11 de abril, a campaña de información desenvolverase entre o 17 e o 26s de abril. O 27 abril celebrarase a primeira volta das primarias para elección da Secretaría Xeral e elección de delegacións ao Congreso Provincial da Coruña, a segunda volta será o 4 de maio e o proceso culminará coa celebración do 5º Congreso Provincial da Coruña o 11 de maio.