O PSdeG alerta no Parlamento do “grave incumprimento” nos prazos da ampliación do CHUAC

ACoruñaXa
Silvia Longueira subliñou que, segundo o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, os traballos poderían estar en dez anos
silvia-longueira
8 May 2025

A deputada socialista Silvia Longueira denunciou no pleno do Parlamento de Galicia o “grave incumprimento” dos prazos establecidos para a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), advertindo das consecuencias que esta demora está a ter tanto para a cidadanía como para o persoal sanitario.

Segundo trasladou a parlamentaria do PSdeG, a situación está xerando unha “inquietude crecente” en toda a área sanitaria da Coruña, xa que o avance das obras está moi lonxe das previsións iniciais anunciadas pola Xunta. “A realidade é que a día de hoxe só se certificaron 570.000 euros”, sinalou Longueira, en referencia ao investimento comprometido polos gobernos autonómico e local no marco do convenio asinado hai tres anos para acometer a ampliación do complexo.

Segundo trasladan os socialistas, o Chuac, que atende a unha poboación de 550.000 persoas e funciona como centro de referencia nacional en varias especialidades, é a maior infraestrutura sanitaria de Galicia. A súa ampliación, lembran desde o PSdeG, foi anunciada con ambición polo anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen en marzo de 2022 comprometeu ter o 80 % do complexo listo en 2025. Porén, segundo Longueira, chegado ese ano a “demora evidente” pon en dúbida os prazos comprometidos.

De feito, a deputada socialista subliñou que, segundo o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, ao ritmo actual, os traballos poderían prolongarse ata dentro de dez anos, o que implicaría manter “na provisionalidade espazos e dotacións que hoxe están á vangarda da medicina”.

Longueira advertiu tamén de que esta situación está a condicionar negativamente a incorporación de novo persoal e o desenvolvemento de novas áreas de investigación, ao non estar dispoñibles as infraestruturas necesarias. “A situación é de emerxencia”, asegurou a deputada, que reclamou á Xunta explicacións claras sobre os motivos do “evidente atraso de cando menos tres anos” no desenvolvemento do proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.16508007049561