O PSdeG alerta de que a folga indefinida do autobús na provincia da Coruña 'agravará o caos dos buses' e pide á Xunta que medie

ACoruñaXa
Os socialistas cargan contra o Goberno galego por favorecer a concentración do sector e lembran a moción aprobada na Deputación o 23 de xaneiro para impulsar unha solución no convenio
CURTIS autobus
6 Feb 2026

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña reclamoulle á Xunta de Galicia que se implique no conflito laboral do transporte por autobús para evitar que se prolongue a folga indefinida e que a situación derive nun empeoramento do servizo. Dende a formación socialista advirten de que un paro sen data de fin 'agravará o caos dos buses' nun contexto no que xa denuncian problemas de funcionamento no transporte público por estrada.

Na súa valoración, o PSdeG responsabiliza o Executivo autonómico por 'poñer o sector en mans de grandes empresas e acabar con moitas pequenas', o que ao seu xuízo contribuíu á deterioración do servizo e á escalada do conflito. Tamén lamentan que a Xunta, din, non dese resposta a un asunto que 'afecta á vida diaria de miles de persoas'.

O pronunciamento chega mentres a negociación do convenio segue encallada tras o rexeitamento maioritario do preacordo alcanzado pola patronal con UGT e CCOO (do que se desmarcou a CIG, sindicato maioritario), nunha votación na que houbo 831 votos en contra e 336 a favor.

As organizacións sindicais pediron retomar as conversas coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e marcaron o luns 9 de febreiro como prazo límite para tentar evitar a convocatoria dun paro indefinido no transporte interurbano.

No plano institucional, o Grupo Provincial Socialista lembra que o pasado 23 de xaneiro se aprobou na Deputación da Coruña unha moción conxunta co BNG para instar á Xunta a reunirse coa parte social da mesa negociadora e actuar como mediadora no conflito. O texto tamén pide á Administración autonómica que se dirixa ás empresas concesionarias para lembrarlles a obriga de negociar de boa fe e garantir condicións laborais dignas nun servizo esencial.

⚙ Configurar cookies
0.081702947616577