O PSdeG acusa o PP de ‘incumprir’ as promesas da fusión de Oza e Cesuras trece anos despois

O PSdeG reavivou no Parlamento o debate sobre a fusión de Oza e Cesuras, aprobada en 2013, ao asegurar que o PP ‘incumpriu todos os compromisos’ cos que se presentou a creación de Oza-Cesuras. A deputada socialista Silvia Longueira sostén que, máis dunha década despois, non chegou a residencia de maiores anunciada, non se instalou a industria que se prometía e o municipio non gañou os servizos públicos cos que se xustificou a fusión.
Longueira puxo o foco nun dos puntos máis simbólicos do documento base: o proxecto dunha residencia da terceira idade no ámbito do antigo sanatorio do Paraxón, na parroquia de Bragade. A socialista afirma que aquela infraestrutura segue sen materializarse e cuestiona que, mentres non se executa o prometido, o edificio se estea orientando a outros usos.
Na súa intervención, o PSdeG tamén advertiu de que a fusión, lonxe de achegar a administración á veciñanza, tería aumentado a sensación de distancia cos servizos e cun transporte público ‘practicamente inexistente’, ademais de manterse a perda de poboación. A formación denuncia, ademais, que non existe un balance oficial que permita comprobar se houbo (ou non) a mellora económica que se anunciaba cando se promoveu a unión dos dous concellos.
A presión socialista tradúcese agora nunha iniciativa parlamentaria coa que reclaman que a Xunta presente nun prazo breve a planificación real para a residencia e que elabore un informe detallado sobre os efectos económicos da fusión. ‘Non se pode vender unha fusión como solución máxica e, trece anos despois, non render contas’, sostén Longueira.