O PSdeG acusa a Alternativa dos Veciños de persecución política contra exedís socialistas

ACoruñaXa
Denuncian un intento de intimidación política ao levar ao Pleno unha reclamación dirixida contra exconcelleiros do PSdeG
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
30 Apr 2025

O PSdeG de Oleiros denuncia que Alternativa dos Veciños (AAVV), formación que lidera o goberno municipal, pretende “amedrentar e intimidar” á oposición ao impulsar unha reclamación patrimonial contra exconcelleiros socialistas que formaron parte da Corporación durante o mandato 2019-2023.

Segundo explican os socialistas, a medida adoptada por AAVV supón “un novo episodio dentro da estratexia do alcalde para crear un clima de medo e persecución política, máis propio de réximes autoritarios que dunha democracia local”.

O PSdeG critica que a reclamación patrimonial por 18.000 euros, relativa a gastos de funcionamento do grupo municipal socialista (375 euros mensuais durante catro anos), se leve ao Pleno malia existir unha sentenza firme que invalidou o procedemento seguido inicialmente por AAVV. “En lugar de reiniciar correctamente o proceso, como permite a resolución xudicial, o goberno salta os pasos necesarios e diríxese directamente contra o patrimonio persoal dos exconcelleiros”, denuncian.

Para os socialistas, esta actuación é “un aviso a navegantes” para quen pretenda facer oposición: “Non lles abonda con acosarte mentres estás na Corporación, tamén che perseguen despois”.

O grupo socialista lembra que eses fondos foron destinados ao pago de alugueiro e subministracións dunha sede, gastos coñecidos tanto polo alcalde como polo resto da Corporación. Contrapóñeno cos fondos recibidos por AAVV no mesmo período: máis de 17.000 euros anuais en gastos de funcionamento, ademais duns 800.000 euros anuais en salarios para os seus concelleiros e sete asesores contratados “a dedo”, o que supón un total duns 2,5 millóns de euros nos catro anos.

 

⚙ Configurar cookies
0.17661619186401