O proxecto ‘Simultánea’ leva a algúns dos mellores ilustradores do país ás sete capitais galegas

LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Flavita Banana, Siro, David Rubín, Abi Castillo, Luis Davila, Iria Fafián e Nana estarán o vindeiro 9 de xaneiro nas 7 salas das 7 cidades galegas de Afundación
Nana
Nana
29 Dec 2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta unha nova actividade sincrónica no marco da macroexposición «Simultánea», unha nova proposta que se realizará ao mesmo tempo nas sete salas de Afundación das sete cidades galegas nas que se pode visitar o proxecto.

Nesta ocasión, destacados ilustradores e ilustradoras debuxarán en directo nas salas de «Simultánea». O público poderá ver en directo como se inspiran, crean e reinterpretan algunha das obras pertencentes á Colección de Arte Afundación. Entre os artistas que participarán atópanse perfís moi diferentes, con estilos, linguaxes e soportes diversos que constatan a riqueza da ilustración. Estarán nas salas de «Simultánea» destacados humoristas gráficos como Flavita Banana, Siro ou Luis Davila; artistas cunha dilatada carreira como muralistas de gran formato como Nana ou Iria Fafián; ilustradoras que tamén experimentan coa cerámica e outros materiais, como Abi Castillo; ou un nome imprescindible para entender e estudar a banda deseñada de superheroes e aventuras, David Rubín.

A actividade será o vindeiro xoves 9 de xaneiro, a partir das 18.30 h, con asistencia libre e de balde.

  • Sede Afundación da Coruña «Modo retrato»: Flavita Banana
  • Sede Afundación de Ferrol «O obxecto contemporáneo e doméstico»: Siro
  • Sede Afundación de Lugo «Escenas de costa e mar aberto»: Nana
  • Sede Afundación de Santiago de Compostela «Arquitecturas narradas»: Iria Fafián
  • Café Moderno Afundación de Pontevedra «Abstraccións e mensaxes cifradas»: Abi Castillo
  • Sede Afundación de Vigo «Volar coa imaxinación»: Luis Davila
  • Sala de Exposicións Afundación de Ourense «Espazo aberto e natureza»: David Rubín

Esta actividade reforza a aposta clara de Afundación por medios de expresión artística como a ilustración e a banda deseñada. Ambas son manifestacións en claro auxe tanto no panorama galego como estatal e internacional que amosan unha gran capacidade para conectar co público novo, unha gran permeabilidade á hora de adiantar ou reproducir tendencias estéticas e propostas experimentais e unha atractiva aplicación educativa. Así, esta proposta de ilustración en directo súmase a outras realizadas por Afundación como a recentemente inaugurada Comicteca do Teatro Afundación de Vigo, o Festival Internacional de Animación IMAXINARIA ou a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC).

O macroproxecto «Simultánea»

Unha única exposición con 7 sedes nas que poderán verse arredor de 350 obras de arte realizadas nos últimos 200 anos. Cada unha das sedes, situada nunha das sete cidades de Galicia, expón unha escolma determinada de obras que foron agrupadas arredor dun eixe temático. Esa é a proposta do ambicioso proxecto expositivo «Simultánea», co que Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebra o seu décimo aniversario e que se poderá visitar ata o próximo 25 de xaneiro, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse á creación artística de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. A sede da Coruña céntrase no tema do retrato desde a súa perspectiva máis ampla: «Modo retrato». En Ferrol, e baixo o título «O obxecto contemporáneo e doméstico», poden contemplarse obras protagonizadas por obxectos cotiáns dotados dun cariz simbólico. As «Escenas de costa e mar aberto», dedicadas á representación do mar, expóñense en Lugo. E a Sede de Afundación en Ourense, baixo o título «Espazo aberto e natureza», acolle outra interesante selección de inspiradas na contorna natural.

«Simultánea» mostra na sede da Obra Social ABANCA en Pontevedra, baixo o título «Abstraccións e mensaxes cifradas» a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade da linguaxe abstracta en Galicia. Mentres tanto, o proxecto expositivo aborda en Vigo, baixo o título «Voar coa imaxinación», o mundo do onírico, a imaxinación e a fantasía como ingrediente principal da arte. Na sede de Afundación en Santiago, en «Arquitecturas narradas», poden verse obras que reflexionan sobre as relacións do urbanismo e a arte.

A solidariedade «Simultánea»

«Simultánea» é parte do programa Cultura por alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso ás mostras é libre e gratuíto, e Afundación invita o público visitante a levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos ás exposicións.

0.16110491752625