O Proxecto Ríos de ADEGA organiza en Bergondo unha saída de campo para coñecer a biodiversidade do rego Xaralleira

ACoruñaXa
A xornada de portas abertas contará con análise de biodiversidade e voluntariado ambiental
BERGONDO jornadas adega
20 Oct 2025

ADEGA celebrará os 20 anos do Proxecto Ríos cunha actividade aberta á veciñanza no Concello de Bergondo. A cita terá lugar o venres 24 de outubro, de 16.00 a 19.00 horas, na contorna do rego Xaralleira, na parroquia de Miodelo, e servirá para dar a coñecer as accións deste programa pioneiro de voluntariado en ríos, o máis implantado e continuado de Galicia.

A proposta enmárcase na campaña #SúmateáCorrente, coa que o Proxecto Ríos busca ampliar a súa base de participación nun momento no que os ecosistemas fluviais precisan máis atención ca nunca. O plan da xornada inclúe acollida ao pé do rego, presentación do proxecto, saída de campo e inspección ambiental para avaliar a calidade do curso mediante a análise de biodiversidade. Ao remate, farase entrega dun cartaz de recoñecemento á Asociación Recreativa, Cultural e Deportiva Ría do Pedrido, entidade colaboradora.

A actividade é de balde, mais require inscrición previa a través dun formulario. ADEGA anima á veciñanza e ás asociacións a participar para coñecer, conservar e vixiar os ríos, lembrando que o Proxecto Ríos teceu ao longo de dúas décadas unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos, con forte implicación da comunidade educativa. A acción conta co financiamento da Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.069803953170776