O proxecto PK-PDrugs, da UDC e do CHUS, galardoado cos Premios Ennova Health 2025 en Transformación Dixital

ACoruñaXa
A plataforma, desenvolvida polo grupo VARPA da Universidade da Coruña e o FarmaCHUSLab do IDIS, aplica modelos estatísticos avanzados para axustar a posoloxía dos fármacos á realidade de cada paciente e mellorar a seguridade dos tratamentos
A CORUÑA udc premio
20 Nov 2025

O proxecto PK-PDrugs, unha plataforma de precisión orientada á posoloxía personalizada de medicamentos, vén de recibir un dos Premios Ennova Health 2025 de Diario Médico e Correo Farmacéutico, na categoría de Transformación Dixital, nunha gala celebrada na noite de onte.

A iniciativa está impulsada polo grupo de investigación VARPA da Universidade da Coruña, en colaboración co FarmaCHUSLab, a Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), integrado no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

PK-PDrugs xorde como resposta á crecente necesidade dun enfoque moito máis individualizado e rigoroso na prescrición farmacolóxica. A plataforma incorpora modelos estatísticos avanzados que permiten afinar de maneira significativa as doses dos fármacos, introducindo novos parámetros de seguridade e eficacia que resultan especialmente relevantes en ámbitos como as enfermidades neurolóxicas ou os trastornos psiquiátricos.

A ferramenta é quen de adaptarse á variabilidade propia de cada paciente, integrando de forma efectiva os seus datos persoais e clínicos para propoñer tratamentos a medida. A través dunha interface accesible, os profesionais poden consultar en calquera momento e lugar información clave de farmacocinética, disciplina que estuda como se comportan os medicamentos dentro do organismo humano, desde a súa absorción ata a súa eliminación. Este acceso inmediato a datos críticos supón un cambio de paradigma na xestión da medicación.

Segundo destacan desde a UDC, o desenvolvemento de PK-PDrugs foi posible grazas á colaboración multidisciplinar entre o equipo investigador de VARPA, especializado en intelixencia artificial e análise de datos, e o persoal de FarmaCHUSLab, con experiencia directa na práctica clínica e na xestión farmacéutica hospitalaria. Esta cooperación permitiu non só deseñar a plataforma, senón tamén validar o seu funcionamento con casos reais e testar a súa usabilidade desde o punto de vista das persoas profesionais que a empregan.

A aplicación contribúe a mellorar os resultados asistenciais mediante tratamentos máis precisos e adaptados, pero tamén ten un impacto máis amplo, ao axudar a corrixir certas limitacións dos actuais sistemas sanitarios. Ao facilitar unha atención máis personalizada, precisa e inclusiva, PK-PDrugs contribúe a reforzar tanto a eficacia como a sustentabilidade dos servizos de saúde.

Desde a institución académica sublíñase, ademais, que este proxecto é un bo exemplo da sinerxía entre o mundo universitario, a investigación e as entidades sanitarias, un modelo de cooperación que permite avanzar en solucións tecnolóxicas aplicadas directamente á mellora da asistencia sanitaria e á calidade de vida das persoas pacientes.

⚙ Configurar cookies
0.072633028030396