O programa 'Roteiros Saudables' consolídase como cita imprescindible en Abegondo

A iniciativa “Roteiros Saudables”, impulsada polo Concello de Abegondo para fomentar hábitos de vida activos entre a poboación maior, continúa sumando adeptos. Celebrouse a segunda xornada do programa, cunha camiñada que reuniu a decenas de participantes no tramo do Camiño Inglés entre Tiobre e Cos. Durante dúas horas e media, os camiñantes percorreron preto de dez quilómetros nun ambiente de convivencia e natureza.
O calendario desta proposta continúa o vindeiro venres, 30 de maio, cun novo percorrido entre Cos e Vilacoba. A etapa terá unha lonxitude de 10,8 quilómetros e unha dificultade media, polo que se recomenda que as persoas interesadas leven calzado axeitado e estean preparadas para un esforzo moderado. A derradeira saída está prevista para o venres 6 de xuño, cunha camiñada desde Vilacoba ata Bruma, cubrindo un total de 9,8 quilómetros.
Ademais de promover a actividade física entre os maiores, o programa tamén persegue un obxectivo cultural e turístico: dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e histórico do municipio, aproveitando o atractivo do Camiño Inglés como fío condutor. A iniciativa está a ser moi ben acollida polos veciños e veciñas, converténdose nun punto de encontro que combina saúde, lecer e identidade local.