O programa 'De Baile en Baile' retoma os sábados de festa para maiores cunha cita en Santa Cruz

O Concello de Oleiros continúa este inverno co programa 'De Baile en Baile', unha proposta cultural e de convivencia dirixida ás persoas maiores que se está a consolidar como un espazo de ocio activo e encontro social. A iniciativa mantén o seu formato de bailes os sábados pola tarde, rotando polas distintas casas do pobo do municipio.
A primeira sesión deste ano celebrarase o sábado 17 de xaneiro en Santa Cruz. A cita será de 17.00 a 20.00 horas no Centro Cívico situado na rúa Ricardo Cubeiro, cunha actuación musical a cargo do Dúo Caramelo.
Como novidade nesta edición, o Concello incorpora un servizo de recepción e acompañamento das persoas participantes, pensado para dar cobertura ante calquera circunstancia que poida xurdir durante a actividade.