O programa Cultura Accesible e Inclusiva incorpora 14 novos proxectos con entidades da cidade

ACoruñaXa
Ten como obxectivo principal garantir que a cultura sexa un espazo aberto e accesible para todas as persoas
corunha-inclusion
11 Mar 2025

O compromiso do Concello da Coruña coa accesibilidade cultural refórzase un ano máis a través da nova convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, unha iniciativa impulsada pola Fundación Emalcsa en colaboración coa Fundación María José Jove e Vegalsa-Eroski. Este programa, que xa se consolidou como un referente na cidade, ten como obxectivo principal garantir que a cultura sexa un espazo aberto e accesible para todas as persoas, especialmente para aquelas en situación de vulnerabilidade ou con diversidade funcional.

Na súa novena edición, que se desenvolverá ao longo de 2025, financiaranse 14 proxectos con un orzamento total de 100.000 euros. Estas iniciativas permitirán ampliar o acceso á cultura en disciplinas como teatro, música, artes visuais ou cine, asegurando que ningunha barreira limite a participación cidadá neste ámbito fundamental.

O acto de presentación tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita e estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, quen estivo acompañada por Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade. Tamén participaron Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, e Gabriela González, directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, ademais de representantes de entidades beneficiarias como Rey DJ, do proxecto DJ Inclusivo, e Anastassia Khomych, da Asociación Cultural Noites de Bohemia.

“O acceso á cultura non pode depender da situación económica, da idade ou da diversidade funcional. Debemos garantir que teatros, museos, bibliotecas e centros culturais sexan espazos realmente accesibles e inclusivos”, destacou a alcaldesa. Ademais, agradeceu o apoio continuado da Fundación María José Jove e de Vegalsa-Eroski, que levan colaborando con esta iniciativa desde a súa creación en 2015.

A convocatoria reafirma o compromiso do programa coa igualdade de oportunidades e a inclusión no ámbito cultural, ampliando o seu impacto en cada edición. As 14 entidades seleccionadas este ano inclúen a Asociación Poten100mos, a Asociación Cultural Coruñesa Negus, a Asociación Amigos do Museo de Belas Artes, a Asociación Cultural Noite Bohemia, a Asociación Cultural Tres por Cuatro, Viraventos, ESE8, a Asociación Cultural para a Integración Social (Diversos), a Asociación Cultural Aïs, a Asociación Cultural Albatros, a Asociación Xuvenil Atlántica, a Asociación Por Qué no Ayudar, a Asociación Socio Cultural Acampa e a Sociedade Filatélica de A Coruña.

Grazas a esta iniciativa, a cultura segue a ser unha ferramenta fundamental para a inclusión social, garantindo que ningúnha persoa quede á marxe por razóns de diversidade funcional ou exclusión social.

⚙ Configurar cookies
0.070324182510376