O programa Coruña en Forma regresa este verán con actividades deportivas en once espazos

ACoruñaXa
Unha proposta que busca promover hábitos de vida saudables a través da actividade física ao aire libre
corunha-en-forma
26 Jun 2025

O Concello da Coruña pon en marcha o vindeiro martes 1 de xullo unha nova edición do programa Coruña en Forma, unha proposta impulsada polo Goberno de Inés Rey que busca promover hábitos de vida saudables durante os meses de verán a través da actividade física ao aire libre.

Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, “esta iniciativa ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre”. A cidadanía poderá participar sen inscrición previa e de forma totalmente gratuíta en diversas disciplinas dirixidas por persoal especializado.

As actividades desenvolveranse de luns a venres, tanto en horario de mañá como de tarde, e incluirán ioga, tai-chi, ximnasia aeróbica, zumba, pilates, tonificación muscular e a modalidade maiores en forma, especialmente pensada para o público senior. Todas as sesións terán un nivel de intensidade moderado, co obxectivo de adaptarse a distintos niveis de condición física.

Este ano, o programa amplíase a once localizacións distribuídas por varios barrios da cidade: o miradoiro do Matadoiro, o parque Europa, o Barrio das Flores, a praia de Riazor, a praza Elíptica, o parque de Vioño, a praza dos Mariñeiros, a praza dos Avós, Novo Mesoiro (campo Cruyff Court), a praza de Espazo Coruña e a praza de Eirís.

Con esta proposta, o Concello da Coruña aposta por fomentar a práctica deportiva e o benestar da veciñanza, aproveitando os espazos urbanos como escenarios abertos para a actividade física durante os meses de xullo e agosto.

⚙ Configurar cookies
0.18574500083923