O programa ‘Bergondo en feminino’ continúa este mércores cun almorzo empresarial

As accións da sexta edición do programa ‘Bergondo en feminino’, impulsado desde a concellaría de Servizos Sociais do Concello para a visibilización das mulleres do municipio, continúan esta semana, neste caso achegando o proxecto ao sector empresarial a través dun almorzo temático que se celebrará o mércores 14 de maio ás 10.00 horas no salón de actos da Asociación de Empresarios do Polígono de Bergondo (ASEB).
O acto, denominado ‘Empresarias, feminino plural. Almorzo temático sobre igualdade e empresa’, permite continuar extendendo ‘Bergondo en feminino’ aos distintos estratos da sociedade bergondesa, obxectivo desta sexta edición. Así, antes realizáronse charlas dirixidas ao profesorado e alumnado dos centros educativos e ao funcionariado municipal.
Agora lémbrese ao sector empresarial cun almorzo no que intervirán empresarias e representantes de institucións: Ángeles Santos Casal, de Genesal Energy e xerente de ASEB; Marcela Parga Fernández, fundadora e CEO de Parga Asociados; Almudena Rodríguez Casal, CEO de ASR Asesores; Oliva García Trasancos, presidenta provincial e secretaria nacional de Protección Civil; Serezabel Rodríguez Rico, técnica de Servizos Sociais do Concello de Bergondo; Olga Romasanta Iglesias, de Rexenerando S. Coop. Galega; e Julia Nogueira Domínguez, técnica de intervención social da Fundación Mulleres.
Está previsto realizar un evento de peche desta sexta edición do programa no que participen todos os sectores que se implicaron, ademais de entregar os premios do certame literario de foto-relatos. Terá lugar o venres 30 de maio en horario de tarde no edificio sociocultural de A Senra.
Bergondo en feminino
Esta iniciativa foi premiada a finais de 2023 pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.
Creado en 2019, o seu obxectivo é rescatar a historia de bergondesas pioneiras, e en moitos casos esquecidas, que loitaron para abrir o camiño para gozar da sociedade que temos hoxe en día.
Entre as iniciativas desenvoltas baixo o paraugas deste programa, está o renomeamento de sete centros sociais do Concello con nomes de veciñas ilustres, a realización de rutas centradas na vida das homenaxeadas, ou a elaboración dun mapa virtual interactivo poñendo en valor a vida de 15 bergondesas.