O presidente da Deputación da Coruña pide á Xunta máis fondos para os concellos e presenta un orzamento récord para 2026

ACoruñaXa
Reclama subir o Fondo Galego de Cooperación Local e defende un Orzamento de 256,55 millóns con débeda cero, máis gasto social, Plan Único de 88 millóns e PEL de 16,37 millóns
Formoso en el parlamento de galicia
3 Nov 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, instou á Xunta a incrementar 'de forma imprescindible e urxente' o financiamento municipal a través do Fondo Galego de Cooperación Local (hoxe conxelado en 118,3 millóns para 313 concellos, 42 deles na provincia). Alertou de que moitos municipios atravesan dificultades mentres asumen servizos que son competencia autonómica.

Formoso presentou na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia o proxecto de Orzamento Provincial para 2026: 256.550.000 euros (un 6,67% máis) e débeda cero por décimo ano, con taxas e prezos públicos conxelados. 'Cada euro destínase a mellorar a vida da xente e a apoiar aos concellos, sobre todo aos máis pequenos', subliñou.

No detalle das políticas, o Plan Único (POS+ 2026) arrinca con 88 millóns (inclúe un POS Social de 8 millóns), mentres que o Plan de Emprego Local ascende a 16,37 millóns con liñas para autónomos, pemes e emprendemento. Por áreas, destacan cooperación cos concellos (63,3 millóns), gasto social e igualdade (35,5), estradas (31,1) e emprego e sectores produtivos (29,6).

O presidente reivindicou ademais a transferencia á Xunta dos IES Rosalía Mera e Puga Ramón (prevista para o curso 2026-2027), así como dos servizos vinculados a menores, que hoxe supoñen máis de 20 millóns anuais para a Deputación. 'Ese acordo permitirá liberar recursos para reforzar o apoio municipal', afirmou.

No eido social, anunciou a posta en marcha das Casas de Acompañamento aos Maiores (CAM), residencias de 5ª xeración: a primeira, nas Pontes de García Rodríguez (5,7 millóns, inicio en 2026), e as seguintes en Rianxo e Ordes. As contas inclúen tamén máis de 4 millóns para dixitalización e ciberseguridade (Proxecto Concello Dixital), 850.000 euros para a Oficina de Transición Enerxética e o impulso de Coruña Estudio Inmersivo na Cidade das TIC (investimento superior a 9 millóns).

⚙ Configurar cookies
0.090630054473877