O Premio 'Luísa Villalta' reforza oito proxectos pola igualdade con achegas de até 12.500 euros

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña escolleu oito iniciativas entre 22 propostas presentadas nesta sétima edición, que destacan pola calidade artística, o rigor metodolóxico e o seu forte impacto social
DEPUTACIÓN premios xénero
24 Nov 2025

A sétima edición do Premio 'Luísa Villalta' a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, pechouse co recoñecemento a oito iniciativas que recibirán unha achega económica de até 12.500 euros. En total presentáronse 22 propostas, o que, segundo a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, confirma que a igualdade se está a consolidar como 'un motor creativo de primeiro nivel' no ámbito cultural e social da provincia.

O xurado, presidido por Agra e integrado por Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, María Victoria Rivadulla Conde e Daniela Ferrández Pérez, coa xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Manuela Muñiz Souto, como secretaria, valorou especialmente a coherencia metodolóxica, a calidade artística e o impacto social das propostas. Moitos dos proxectos están concibidos para chegar a centros educativos, colectivos feministas, espazos culturais e comunidades locais, co obxectivo de multiplicar o seu efecto transformador.

Entre as iniciativas premiadas atópanse proxectos audiovisuais, escénicos e de investigación que abordan a memoria histórica, a saúde, os coidados ou a loita contra o franquismo desde unha perspectiva feminista. Propostas como 'Espontaneadas' ou 'A ditadura é un señor con bigote' afondan na recuperación da memoria silenciada das mulleres e na análise da misoxinia estrutural da ditadura, mentres que traballos como 'Virando o rosa' ou 'Tecelás da terra. Sementes con memoria e futuro' conectan igualdade de xénero, experiencia do cancro de mama, saberes tradicionais e ecofeminismo.

Sol Agra subliñou que os proxectos seleccionados 'non só visibilizan desigualdades; tamén propoñen ferramentas e relatos novos para combatelas'. A deputada fixo fincapé en que boa parte das iniciativas rescatan historias de mulleres excluídas dos relatos oficiais, algo que considera 'un acto de xustiza e tamén unha forma de educar as xeracións máis novas na memoria democrática e na igualdade'.

A Deputación destaca que o conxunto dos proxectos impulsa a creación de materiais pedagóxicos, produtos audiovisuais, accións comunitarias e espazos de reflexión colectiva, que terán continuidade en concellos, centros educativos, bibliotecas e entidades sociais da provincia. O Premio 'Luísa Villalta' consolídase así como unha das principais ferramentas da institución provincial para apoiar, con recursos concretos, iniciativas culturais que poñen a igualdade no centro.

⚙ Configurar cookies
0.072634935379028