O premio José Gil estrea palmarés na quinta gala Daccultura

A quinta gala Daccultura converterase este 16 de abril nun escaparate para a creación cultural galega e tamén no escenario da primeira entrega do premio José Gil en filmes en lingua galega. O acto celebrarase no Teatro Colón da Coruña, con acceso libre a partir das 19.00 horas, e servirá para recoñecer tanto traxectorias consolidadas como novos proxectos de guión no ámbito audiovisual.
Na súa edición inaugural, o galardón distinguirá a cineasta e investigadora Margarita Ledo Andión na modalidade de traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no audiovisual galego. O xurado puxo o foco no seu compromiso sostido co cinema en galego, tanto desde a creación como desde a reflexión teórica e o impulso de iniciativas clave para a consolidación do sector. Na súa carreira figuran títulos como Santa Liberdade e Nación, ademais doutros traballos vencellados á memoria histórica e á emigración.
O premio recoñecerá tamén a Ángela Andrada na categoría de guión de longametraxe de ficción en lingua galega por Mamá Benidorm, un proxecto que afonda na relación entre unha nai e a súa filla adolescente. O xurado valorou a capacidade da autora para construír unha historia íntima cunha lectura social arredor do papel das mulleres na sociedade contemporánea. Nada na Coruña en 1989, Andrada desenvolveu a súa traxectoria entre a webserie, a televisión e a ficción sonora, e xa obtivo recoñecementos anteriores polo seu traballo como guionista.
Na modalidade de guión de longametraxe documental, o premiado será Borja Casal por Todo pode esperar, unha obra centrada na vida do músico e mestre retirado César Morán. O proxecto percorre a súa relación coa música ao longo de varias décadas e incorpora a participación de nomes coñecidos da cultura galega. O xurado destacou a madurez narrativa da proposta e a sensibilidade coa que conecta a experiencia persoal do protagonista coa memoria colectiva da Galicia recente.
O premio José Gil naceu en 2025 coa intención de apoiar a produción e a difusión de películas e obras audiovisuais en lingua galega, ao tempo que reivindica a figura dun pioneiro esencial para a historia do cinema en Galicia. José Gil foi unha referencia nos primeiros pasos do reporterismo fotográfico, do cinema de ficción e documental, así como na posta en marcha de produtoras, laboratorios e iniciativas vencelladas á modernización do país na primeira metade do século XX.
A dotación total do premio ascende a 19.500 euros, repartidos a partes iguais entre as tres categorías. O xurado desta primeira edición estivo integrado por Pepe Coira, Manuel Castelao Mexuto, Beli Martínez, María Yáñez Anllo e José Manuel Sande García.
A gala estará presentada pola xornalista Susana Pedreira e polo actor e músico Xoán Fórneas. A música en directo correrá a cargo de Caamaño & Ameixeiras nunha cerimonia na que tamén se entregarán outros recoñecementos culturais, como os premios Torrente Ballester de Narrativa, Castelao de banda deseñada, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, González Garcés de Poesía, Antonio Fraguas de Artesanía, Fran Pérez 'Narf' de música, Andrés Gaos de composición musical, Jesús Núñez de Arte Gráfica e Luís Ksado de fotografía.