O Premio Fran Pérez 'Narf' abre a convocatoria de 2026 con 7.500 euros en premios destinados á música galega

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña impulsa a 18.ª edición dun certame que promove o talento musical galego e lembra a figura do músico e dinamizador cultural Fran Pérez 'Narf'
DEPUTACION CORUÑA premio narf
30 Dec 2025

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou as bases da 18.ª edición do Premio Fran Pérez 'Narf', unha convocatoria coa que a Deputación da Coruña busca apoiar a creación musical e contribuír a manter viva a memoria e a obra de Fran Pérez 'Narf'. O certame está consolidado como unha das principais iniciativas provinciais para dar visibilidade a novos proxectos da escena galega.

A chamada está dirixida a grupos e artistas galegos ou residentes en concellos de Galiza que traballen no ámbito da música pop e nas súas variantes (do folk ao rock, rap ou reggae). As candidaturas deberán presentar propostas orixinais, non premiadas noutros concursos, e cumprir unha condición adicional: non ter sido finalistas nin gañadoras do premio nos cinco anos anteriores. Cada proxecto terá que achegar, como mínimo, catro temas, cando menos tres deles en galego.

O Premio Fran Pérez 'Narf' conta cunha dotación total de 7.500 euros, repartidos en tres distincións de 4.000, 2.000 e 1.500 euros. Ademais, as propostas que cheguen á fase final recibirán 300 euros en concepto de gastos de desprazamento pola actuación en directo. O proceso de selección inclúe unha preselección a partir das maquetas recibidas e a decisión final do xurado tras as actuacións ao vivo dos proxectos escollidos.

Na edición correspondente a 2025, a gañadora foi Belém Tajes, que se impuxo na gala final celebrada no Salón Teatro de Santiago. O xurado salientou daquela o risco creativo do seu proxecto, a ponte entre a música galega e a latinoamericana e o coidado dos arranxos e das letras. Marián acadou o segundo premio e Vimbio o terceiro.

O prazo para presentar solicitudes na edición de 2026 abrirase o 10 de febreiro ás 08.00 horas e permanecerá dispoñible ata o 10 de abril ás 14.00 horas. A tramitación realizarase integramente por vía telemática a través da plataforma electrónica da Deputación, coa información completa accesible no BOP e na sede electrónica provincial.

⚙ Configurar cookies
0.090847015380859