O Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego regresa cunha nova edición

A Asociación Cultural Autobán, co respaldo do Concello da Coruña, vén de anunciar a convocatoria do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025. O certame, pioneiro no ámbito da autoedición en Galicia, busca recoñecer o talento e a creatividade das persoas que apostan pola banda deseñada e os fanzines feitos dende a independencia artística.
Nesta nova edición, o premio principal contará cunha dotación económica de 1.250 euros, ademais dun trofeo personalizado realizado polo artista Luis Yang, gañador da primeira edición. Tamén se concederá un accésit dotado con 350 euros. O prazo de preinscrición estará aberto entre o 19 de maio e o 9 de xuño, a través da web oficial.
Poderán participar autoras, autores e colectivos que teñan autoeditado obras en galego ou dende Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, con ata tres fanzines por persoa ou grupo. O certame admite total liberdade de formato, temática, técnica e deseño, e busca visibilizar a diversidade creativa da autoedición galega. A única condición é que a maioría das persoas implicadas sexan de orixe galega ou residan en Galicia.
O nome das persoas gañadoras darase a coñecer a partir de mediados de xullo, e a entrega dos galardóns terá lugar durante a edición de verán do Festival Autobán 2025. Segundo recollen as bases, quen gañase o premio principal na edición anterior non poderá optar de novo ao galardón nun período de cinco anos, aínda que si poderá participar noutras actividades paralelas como a exposición de fanzines ou a fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña.
Na súa primeira edición, celebrada en 2024, o certame recibiu 57 propostas, das cales 54 resultaron válidas. O artista Luis Yang acadou o primeiro premio coa obra Sunny 16, mentres que Gemma Pérez foi recoñecida cun accésit polo fanzine Mi nick era #humeda. Outras obras destacadas foron Macheta 7, Así somos e sólo una vez más, todas elas expostas na Expofanzines celebrada no Palexco no marco de Viñetas desde o Atlántico.
O Premio Autobán encádrase na ampla actividade que desenvolve a Asociación Cultural Autobán, organizadora cada verán do festival homónimo coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. A súa programación abrangue desde mercados de autoedición ata obradoiros, exposicións e actuacións musicais. Ademais, Autobán impulsa outras iniciativas como o Autobom (na primavera) e un club mensual de debuxo, promovendo unha comunidade activa e creativa en torno á banda deseñada alternativa e a autoedición.