O PPdeG denuncia a vandalización da súa sede de Sada, de novo con colantes, e pide unha condena pública do BNG e do PSdeG

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) denunciou un novo episodio de vandalismo contra a súa sede local de Sada, que apareceu con colantes pegados na fachada, segundo informou a formación nun comunicado no que reclama ao BNG e ao PSdeG unha condena expresa dos feitos.
A dirección popular sostén que este tipo de accións responden ao ‘clima de rancor’ que, ao seu xuízo, promove a esquerda e advirte de que, se non hai rexeitamento público por parte doutras formacións, ‘serán cómplices’ dunha escalada de ataques contra o partido. O PPdeG non concreta no comunicado quen estaría detrás da acción rexistrada en Sada.
O sucedido na vila sadense prodúcese apenas dúas semanas despois doutro incidente similar: a sede do PP de Sada xa aparecera a comezos de febreiro empapelada con carteis críticos, nun caso no que se apuntou a unha investigación por parte da Garda Civil e no que o partido chegou a agradecer a implicación das forzas de seguridade e da Policía Local para tentar aclarar o ocorrido.
No mesmo comunicado deste martes, o PPdeG tamén alude á vandalización da sede de Lalín con pintadas e a outros episodios de propaganda contra o partido no mobiliario público da Coruña, que cualifica de actos que ‘ensucian’ a cidade.
Ademais, os populares lembran que este mércores 18 de febreiro debaterase na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para condenar os actos vandálicos contra sedes do PPdeG e estender esa condena a calquera ataque similar contra partidos democraticamente constituídos.