O PP visita a ría do Burgo e reclama ao Goberno central que repare os danos causados polo dragado

O deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Jesús María Fernández Rosende, e a voceira municipal do PP en Culleredo e deputada provincial, Izaskun García, visitaron a ría do Burgo para coñecer de primeira man a situación actual dos bancos marisqueiros tras as obras de dragado impulsadas polo Goberno central.
Durante o percorrido, realizado en embarcación, estiveron acompañados por representantes do sector e polo técnico da Confraría de Pescadores da Coruña, Pablo Seoane. Entre os mariscadores presentes estaba tamén Manuel Baldomir, presidente dos mariscadores a pé.
Segundo trasladaron os profesionais do marisqueo, e tal como recolle o informe técnico e indican os populares, 24 dos 27 bancos da ría coruñesa resultaron afectados polas obras, cunha perda de superficie produtiva que supera o 40 % nalgunhas zonas. Ademais, denunciaron importantes deficiencias na execución dos traballos, con alteracións do substrato, cambios de cota e danos provocados pola maquinaria pesada. Todo isto, aseguran, compromete a sustentabilidade da actividade marisqueira.
Fernández Rosende avanzou que defenderá unha proposición non de lei na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia para instar ao Goberno central a completar de inmediato as obras conforme ao proxecto orixinal e reparar todos os danos ocasionados. Tamén pedirán a ampliación das compensacións aos mariscadores ata que poidan volver faenar con normalidade.
"O impacto foi moito maior do esperado. Esta obra tiña como obxectivo rexenerar a ría, pero deixou a decenas de profesionais sen poder traballar e comprometeu a sustentabilidade dos bancos", advertiu o deputado popular. "Os contratos están para cumprirse e as présas son malas conselleiras. Débese rematar esta obra con dilixencia", engadiu.
Pola súa parte, Manuel Baldomir agradeceu a visita do PP e criticou a falta de diálogo por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica: "Estamos tirados na rúa e non nos parece ben que se deixase a ría ambientalmente tocada. Levamos un ano xa sen chegar a ningún tipo de acordo. Este é un problema causado por unha obra que executou o ministerio e ten que ser finalizada en condicións. Teñen que darnos unha solución aos traballadores que vivimos do marisqueo que, a día de hoxe, aínda non podemos faenar".