O PP urxe á Deputación da Coruña a iniciar coa “máxima urxencia” a roza das estradas provinciais

ACoruñaXa
Evaristo Ben esixiu ao executivo provincial que priorice estes traballos para garantir unhas estradas seguras
Desbroces
8 Jul 2025

O voceiro do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, reclamou no pleno provincial que o Goberno da institución inicie “con urxencia” os traballos de roza nas vías da rede provincial, advertindo do seu mal estado e dos riscos asociados á falta de mantemento.

Durante a súa intervención no apartado de rogos e preguntas, Ben interesouse polo estado do expediente que permite activar estes labores, que considera xa “moi atrasados”. “Estamos en pleno verán e o estado das vías provinciais é preocupante, por non dicir que lamentable en moitos casos”, asegurou o deputado popular.

Segundo explicou, no verán de 2023 xa houbo retrasos nesta tarefa debido a problemas coa adxudicación do contrato, pero entende que esa situación foi solventada a finais dese mesmo ano. “Polo que tiñamos entendido, este asunto quedou solucionado a finais de ano, co que agora non entendemos por que non comezaron os traballos”, cuestionou.

Ben advertiu de que a falta de actuación nesta materia xera unha gran inquietude nos alcaldes e voceiros populares dos distintos concellos da provincia, xa que, segundo indicou, a maleza nas beiravías non só afecta á seguridade viaria, senón que tamén “incrementa o risco para a propagación de incendios”.

Por iso, esixiu ao executivo provincial que priorice estes traballos para garantir unhas estradas seguras e en bo estado, especialmente en época estival, cando se incrementa o tráfico e os riscos asociados á vaga de calor e á seca.

⚙ Configurar cookies
0.17621207237244