O PP reclama no Congreso compensacións para os concellos con cárceres estatais

A voceira do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Ana Vázquez, defendeu unha iniciativa da súa formación para que o Estado compense aos concellos que acollen centros penitenciarios dependentes do Ministerio do Interior, en liña co que xa ocorre noutras comunidades como Cataluña. Segundo explicou, “non xorde dos deputados nacionais galegos, senón dos alcaldes de Curtis, Outeiro de Rei, A Lama, Monterroso e O Pereiro de Aguiar, que representan a 63 alcaldes”.
Vázquez denunciou que estes concellos están obrigados a prestar servizos esenciais como a subministración de auga potable, a recollida de lixo ou o mantemento das vías de acceso aos centros penitenciarios e xulgados de paz, sen recibir ningún tipo de compensación económica a cambio. Engadiu ademais que “a poboación reclusa non figura no padrón municipal, polo que non computa a efectos de financiamento, pese ao evidente impacto económico que supón para os consistorios”.
A popular puxo como exemplo o modelo catalán tras a asunción da competencia en materia penitenciaria: “Cando Cataluña asumiu a competencia de prisións en 2015, o Goberno aprobou o Real Decreto 31/2015, que estableceu dous tipos de compensación para os concellos con centros penitenciarios”. Así, indicou que “por un lado, non se lles eximiu do cobro do IBI, que seguen recibindo con normalidade, e, por outro, recoñeceuse unha compensación adicional por cada recluso, en recoñecemento ao custo engadido que asumen estes municipios”.
En Galicia, destacou que, malia que os centros penitenciarios non son competencia autonómica, “a Xunta de Galicia empezou tamén xa a compensar a estes concellos con moito esforzo por parte dos cidadáns galegos”, asumindo que estes municipios están a prestar “servizos de carácter gratuíto para unha poboación inxente e que necesitan recursos”.
Vázquez lembrou tamén que o Real Decreto Lexislativo 2/2004, que recolle a Lei Reguladora das Facendas Locais, establece o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), aínda que “non todos os inmobles están suxeitos a dito tributo, xa que hai excepcións”. Entre elas, indicou, atópanse “os que son propiedade do Estado, das comunidades autónomas, entidades locais e os directamente afectados á defensa nacional, seguridade cidadá e os servizos educativos”, como é o caso das prisións. “Isto supón unha merma importante nas arcas dos municipios porque, ademais, todos estes centros están situados no ámbito rural”, engadiu.
Por todo iso, o PP pide medidas complementarias e compensatorias por parte do Estado, a través dos Orzamentos Xerais do Estado, para que a Secretaría Xeral de Financiamento Autonómico e Local poida ditar resolucións que favorezan os procedementos de compensación a petición dos concellos afectados.