O PP reclama ao Goberno central o arranxo urxente da N-550 entre A Coruña e Santiago

As deputadas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Carmen Pomar e Cecilia Vázquez, anunciaron a presentación dunha iniciativa para instar ao Goberno central a acometer con urxencia a reforma da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago. Segundo sinalaron, trátase dunha vía que presenta un “estado extremadamente perigoso”, tanto para condutores como para peóns, debido ao deterioro do firme, a deficiente sinalización e a falta de iluminación.
As parlamentarias percorreron varios tramos da estrada acompañadas polos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez, e de Oroso, Álex Doval, e constataron o seu “grave deterioro”, cun asfalto en mal estado que require unha intervención integral para mellorar a seguridade e comodidade dos usuarios.
Ademais, denunciaron as carencias en sinalización e iluminación, tanto horizontal como vertical, en múltiples puntos da vía, o que aumenta a sensación de inseguridade e pon en risco a peóns e condutores.
“Os galegos xa sufrimos o desprezo do Goberno de Pedro Sánchez co aprazamento indefinido da transferencia da AP-9 e coas maiores peaxes do país nesta autoestrada, pero non podemos permitir que tamén teñamos que padecer unha N-550 en condicións deplorables, que pon en perigo tanto aos que circulan por ela como aos veciños das poboacións polas que pasa”, manifestaron as deputadas populares.