O PP propón melloras para o barrio de Catro Camiños tras escoitar as queixas veciñais
O Grupo Popular levará ao Pleno municipal unha moción con propostas para mellorar a situación de Catro Camiños, logo de recoller queixas e suxestións de veciños, comerciantes e hostaleiros durante unha visita realizada a semana pasada polo voceiro popular, Miguel Lorenzo, xunto coas concelleiras Susana Catalán e Carmen No. As principais preocupacións manifestadas polos residentes e empresarios céntranse na inseguridade, a falta de limpeza e mantemento, os problemas na recollida de cartón, o caos na carga e descarga e a insuficiente iluminación nalgunhas rúas.
Os populares indican que a seguridade cidadá é unha das prioridades sinaladas polos afectados, que denuncian a presenza habitual de persoas con condutas incívicas que xeran inquedanza entre a veciñanza e os comerciantes. Ademais, cando os establecementos pechan e apagan as luces dos escaparates, percíbese unha notable falta de iluminación en varias zonas, o que contribúe a aumentar a sensación de inseguridade.
Aseguran que a limpeza e o mantemento tamén deixan moito que desexar en diferentes puntos do barrio, como os parques de Puga e Parga ou Tabacalera, así como na recentemente reformada rúa Alcalde Marchesi. Ademais, en rúas como a Avenida de Oza ou Posse, os comerciantes denuncian dificultades para recibir mercadorías debido ao caos na carga e descarga e á baixa frecuencia de recollida de cartón. Por todo isto, o Grupo Popular insta o Goberno municipal a adoptar medidas como: reforzar a presenza da Policía Local para aumentar a seguridade en Catro Camiños e poñer en marcha iniciativas que garantan a convivencia, evitando comportamentos incívicos; e ellorar o mantemento dos espazos públicos do barrio, atendendo ás deficiencias detectadas pola veciñanza, comerciantes e hostaleiros.