O PP preguntará a Inés Rey porque se denegaron máis de 700 axudas de comedor
O Grupo municipal Popular da Coruña preguntará no próximo Pleno a Inés Rey pola adxudicación das bolsas comedor, xa que, como aseguran, máis de 700 solicitantes que tiñan dereito á axuda por cumprir os requisitos, e que estaban no tramo de ingresos máis baixos (entre 0 e 5.000 euros por persoa), quedaron sen a axuda por falta de orzamento.
É incomprensible que se tiveron que sortear as axudas entre familias que cumprían os requisitos por falta de fondos cando Inés Rey presume de orzamento máis alto da historia da cidade. Ante esta situación, o Partido Popular insta a revisar e reconsiderar estes criterios de adxudicación e a aumentar a partida orzamentaria todo o necesario para garantir que todas as familias que o necesiten poidan ter unha bolsa.
"Inés Rey recortou significativamente as bolsas comedor para o próximo curso escolar. En comparación co ano anterior, o número de concedidas reduciuse nun 21%. Durante o curso pasado, outorgou 2.943, mentres que este ano só aprobou 2.341 solicitudes, tras estimar 28 alegacións, o que supón 602 axudas menos. Ademais, outro dato alarmante é a porcentaxe de denegadas, 2.605 de 4.946 solicitudes, un 53%, denegando máis bolsas que as que concedeu", dixo.