O PP levará ao Pleno as súas dudas sobre o multiusos de Bastiagueiro e o seu custo anual de funcionamento

ACoruñaXa
O grupo popular en Oleiros quere saber se a xestión será externalizada e reclama detalles do prezo final da obra, a equipación e os gastos de persoal, mantemento, subministracións e programación
OLEIROS multiusos de Bastiagueiro
23 Feb 2026

O Grupo Municipal Popular de Oleiros anunciou que no próximo Pleno presentará unha batería de preguntas ao goberno local para coñecer con detalle o custo real do novo edificio multiusos que se ultima en Bastiagueiro e o impacto económico que terá para as arcas municipais cando abra as portas.

Segundo expuxeron os populares, a súa iniciativa busca aclarar non só canto custa construír a infraestrutura, senón canto custará mantela operativa ano tras ano. Na súa opinión, a veciñanza 'ten dereito a saber' o alcance económico total do proxecto e a evitar que o mantemento se converta nunha carga estrutural para o orzamento municipal.

Entre as cuestións que o PP pretende poñer enriba da mesa figuran o presuposto base de licitación, a previsión de custo final, as modificacións de contrato aprobadas durante a execución e o importe global desas variacións, así como posibles desviacións económicas producidas ao longo da obra.

O grupo popular tamén pedirá información sobre como se financiou o proxecto, incluíndo se existen subvencións doutras administracións (autonómicas, estatais ou europeas) ou se se recorreu a endebedamento, e que consecuencias tivo esta inversión na estabilidade orzamentaria do Concello.

Outro dos puntos centrais será o gasto anual de funcionamento do multiusos. O PP solicita estimacións de custos en persoal, limpeza, seguridade, subministración eléctrica e climatización, mantemento ordinario e especializado, seguros e programación de actividades. Ademais, preguntará se existe un estudo económico-financeiro que avale a viabilidade do equipamento a medio e longo prazo.

Por último, os populares queren saber que modelo de xestión se prevé (directa ou externalizada), que ingresos se agardan por taxas ou prezos públicos e se o edificio poderá equilibrar contas ou se, pola contra, xerará un déficit que teña que cubrirse con recursos municipais.

0.092288017272949