O PP levará ao Pleno as queixas da veciñanza da Torre e Orillamar polo abandono municipal

O Grupo Popular anunciou que trasladará ao próximo Pleno municipal as reivindicacións da veciñanza das rúas da Torre e Orillamar, que vén de denunciar o mal estado xeral do espazo público debido ao deficiente mantemento por parte do Concello.
Durante unha visita á zona, varios residentes mostraron ao voceiro popular, Miguel Lorenzo, acompañado polos edís Carmen No e Antonio Deus, múltiples deficiencias en beirarrúas, mobiliario urbano e zonas verdes. Entre os exemplos citados están aceras rotas e sucias, farolas con cables ao descuberto ou con tapas improvisadas, colectores oxidados, árbores sen podar que invaden vivendas e mesmo acabados defectuosos en obras municipais.
“Os coruñeses pagamos cada ano millóns de euros a concesionarias encargadas do mantemento que o Goberno de Inés Rey non fiscaliza axeitadamente”, criticou Lorenzo, lembrando que esta mesma semana caeu unha póla de grandes dimensións na área infantil de San Amaro, un feito que “podería ter rematado en traxedia de haber nenos xogando”.
Ademais, os veciños reclaman a recuperación da Policía de Barrio, ao considerar que a súa presenza preventiva resulta esencial para garantir a seguridade. Segundo o PP, esta demanda repítese en todas as visitas que realizan aos barrios, en resposta ao incremento de delitos, especialmente relacionados co tráfico de drogas e roubos en vivendas, comercios e locais hostaleiros.