O PP leva ao Parlamento galego a problemática de Xuxán e critica a inacción do Goberno local

ACoruñaXa
O grupo popular vén de rexistrar unha iniciativa para instar ao Goberno de España a atopar unha solución
xuxan-pp
5 May 2025

O deputado autonómico e concelleiro do Partido Popular da Coruña, Roberto Rodríguez, visitou o barrio de Xuxán para presentar unha iniciativa parlamentaria en materia de vivenda, motivada pola “preocupación crecente entre os cooperativistas do barrio polas novas condicións impostas polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), que dificultan o acceso a unha vivenda de alugueiro accesible e desvirtúan o carácter social da promoción impulsada pola Xunta de Galicia”.

Segundo indica o grupo popular a situación actual deriva da entrada en vigor do convenio entre o Ministerio de Vivenda e o ICO, que fora anunciado como unha ferramenta para facilitar a financiación de proxectos de vivenda asequible. Porén, segundo denuncia o PP, “os cambios introducidos polo ICO no modelo de financiamento impiden que moitas persoas poidan asumir as novas condicións, obrigando a varios cooperativistas a renunciar ás súas adxudicacións”.

Estas novas esixencias “desvirtúan completamente o obxectivo social desta promoción e ameazan con frustrar o esforzo coordinado entre administracións para facilitar o acceso a unha vivenda digna”, alertan desde o grupo popular. Rodríguez advertiu de que “esta situación xera unha lóxica preocupación entre os adxudicatarios que ven como desaparecen as súas expectativas por decisións unilaterais do Goberno central”.

Ante este escenario, o Grupo Parlamentario Popular vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno de España a “atopar unha solución que respecte os compromisos adquiridos e garanta unhas condicións de financiamento acordes co carácter social do proxecto”.

Durante a súa intervención, Roberto Rodríguez puxo en valor a actuación da Xunta no barrio de Xuxán, onde xa se entregaron 40 vivendas de promoción pública, hai 104 en execución de obra propia, 256 noutras parcelas cedidas a cooperativas e outras 600 vivendas previstas que se atopan en diferentes fases de tramitación urbanística.

O concelleiro popular tamén salientou que a Xunta mantén o seu compromiso co acceso á vivenda, cun obxectivo de superar as 5.600 vivendas en réxime de alugueiro —1.800 máis das existentes na actualidade en Galicia—, así como unha inversión autonómica de 56 millóns de euros en axudas ao alugueiro. A estes esforzos súmase o proxecto de Monte Mero, declarado de interese autonómico, que permitirá desenvolver 4.310 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas.

En contraposición, o PP criticou a inacción do Goberno municipal da alcaldesa Inés Rey, asegurando que non se impulsou “ningunha medida efectiva ante a realidade das máis de 30.000 vivendas baleiras que existen na cidade”, consolidándose A Coruña como “a cidade co alugueiro máis alto de Galicia”.

Desde o Partido Popular reclaman ao Concello que se centre en “solucións reais: activar as vivendas baleiras, simplificar os trámites urbanísticos e reclamar ao Goberno de España os recursos que A Coruña merece, como xa conseguiron outras cidades”.

 

⚙ Configurar cookies
0.18213105201721