O PP leva ao Congreso e ao Senado a súa preocupación polo control de Alvedro dende Vigo

ACoruñaXa
A formación popular tamén reclamará a supresión dun xulgado de instrución
Imaxe do Aeroporto de Alvedro na Coruña
13 Jun 2025

O voceiro do Grupo Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, anunciou a presentación dunha batería de preguntas no Congreso e no Senado para reclamar explicacións ao Goberno central ante dúas cuestións que, segundo denuncia, prexudican á cidade: a intención de controlar o aeroporto de Alvedro desde Vigo e a supresión dun xulgado de instrución.

“Nos preocupa que o Goberno do Estado abandone A Coruña, pero nos preocupa aínda máis que a alcaldesa non saia a defender nin ao aeroporto nin á xustiza na nosa cidade. Esiximos a Inés Rey que actúe ante estes agravios”, asegurou Lorenzo.

O portavoz popular lembrou que xa se probou unha iniciativa similar en 2019 no aeroporto de Menorca, “á que AENA renunciou en 2023 por considerala un experimento fallido”. Ademais, sinalou que “a empresa que instalou o sistema en Vigo instalou un practicamente idéntico en Colorado (EE.UU.) en 2023 que nunca chegou a ser utilizado por non cumprir os requerimentos esixidos”.

Neste sentido, Lorenzo criticou a inacción do Goberno local ante a situación de Alvedro: “Hoxe podemos ler na prensa que non se fixo nada para desenvolver o Plan Director de Alvedro, aprobado en 2022, non se investiu un euro no noso aeroporto, e Inés Rey non di nin fai nada ao respecto para reclamar ante o seu goberno amigo de Madrid máis medidas para que poida operar optimizando ao máximo os dispositivos cos que conta e esixir a renovación e ampliación de infraestruturas para ofrecer un maior e mellor servizo”.

Sobre a posible eliminación dun xulgado de instrución na cidade, o voceiro do PP fixo un chamamento directo á alcaldesa: “Ao igual que sucede con Alvedro, esiximos a Inés Rey que presione ao Goberno do Estado para que non elimine un xulgado de instrución na nosa cidade. Nós, igual que en Alvedro, presentamos iniciativas no Congreso e no Senado para que non leve a cabo esta supresión porque é un erro. Instamos a Inés Rey a que fale co ministro do seu partido para reverter esta decisión. Pódese porque xa rectificaron en Benidorm”.

Con estas iniciativas, o PP busca, segundo explican, frear o que consideran “un novo paso no desmantelamento” dos servizos e infraestruturas que afectan directamente ao futuro da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.16661787033081