O PP insta ao goberno local de Betanzos a elaborar o orzamento de 2026 e propón investir 1,3 millóns en medidas 'con impacto social'

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos rexistrou unha moción para o próximo pleno na que insta ao goberno socialista a elaborar 'sen máis dilación' o orzamento de 2026. A iniciativa preséntase expresamente como resposta ás declaracións da alcaldesa, María Barral, quen denunciou a 'marxinación' de Betanzos nas contas da Xunta para 2026. O PP sostén que, alén do debate sobre a financiación autonómica, é imprescindible que o Concello asuma a súa responsabilidade e aprobe unhas contas propias que permitan planificar prioridades e corrixir a 'deriva económica' municipal.
Os populares propoñen reservar arredor do 9% do presuposto —1.345.000 euros— para un paquete de 16 medidas 'concretas, realistas e financeiramente asumibles' con impacto social, económico e ambiental. No ámbito da educación e da conciliación, inclúen un programa municipal nas vacacións escolares con campamentos e actividades (100.000 €). En cultura e patrimonio, apóstase por promover o Globo de San Roque como BIC inmaterial (25.000 €) e por melloras no CIEC (120.000 €).
O capítulo de infraestruturas e servizos básicos contempla un plan de mellora de aceras e accesibilidade nos barrios (200.000 €) e un aparcadoiro disuasorio próximo ao centro (30.000 €), ademais da renovación de tuberías e rede de abastecemento en zonas con perdas (150.000 €) e actuacións nos colectores de saneamento para reducir vertidos e atascos (100.000 €). En limpeza e medio ambiente, recóllese un plan específico de residuos para comercio e hostalaría (120.000 €) e o reforzo do servizo de limpeza viaria e desbroce (100.000 €).
En vivenda e servizos sociais, a moción prevé axudas ao alugueiro de vivendas baleiras dirixidas á mocidade (80.000 €) e un programa contra a soidade non desexada (40.000 €). No eido deportivo e xuvenil, propóñense melloras no pavillón municipal —iluminación LED e vestiarios— (150.000 €), actuacións na piscina municipal —vestiarios, climatización e accesibilidade— (80.000 €) e un programa de lecer alternativo para a mocidade (30.000 €). En economía local, créase un fondo de axudas a autónomos e pemes que creen emprego (80.000 €) e a campaña 'Comprar en Betanzos ten premio' (40.000 €), coordinada co tecido comercial.