O PP insta a Inés Rey a que aclare se aínda considera a Isabel Pardo de Vera un modelo de xestora pública

O Grupo Popular da Coruña levará ao próximo pleno ordinario unha pregunta directa á alcaldesa Inés Rey sobre se continúa vendo a Isabel Pardo de Vera como “exemplo de xestora pública e modelo a seguir”, tras as últimas novidades sobre a súa situación xudicial.
Segundo lembran os populares, “no informe da UCO sobre presunta corrupción relacionada co Partido Socialista aparece Isabel Pardo de Vera como vinculada en adxudicacións irregulares de contratos”, o que motivou que o Tribunal Supremo solicitase a súa imputación á Audiencia Nacional. De feito, Pardo de Vera xa está imputada por presuntamente “enchufar a Jéssica, amiga de Ábalos, nunha empresa pública”.
Desde o PP coruñés critican a “mudanza de discurso” da rexedora, quen “anunciou a bombo e platillo” o nomeamento de Pardo de Vera como directora do Plan Estratéxico da cidade, defendéndoa con entusiasmo fronte ás críticas da oposición. “Ollalá houbese vinte ou trinta Pardos de Vera”, chegou a afirmar Rey, segundo lembran desde o grupo popular, nun contexto no que se cuestionaba o conflito de intereses da exsecretaria de Estado en As Xubias. Daquela, a alcaldesa chegou mesmo a cualificar de “machista” ao voceiro do PP.
Agora, os populares consideran “sorprendente que evite falar de Pardo de Vera e que se refira a ela practicamente como se apenas a coñecese”.
Ademais, aproveitarán o Pleno para pedir explicacións a Inés Rey, como membro da Executiva do PSOE estatal, sobre as consecuencias políticas das informacións relativas aos casos que afectan ao seu partido. “Debe dar explicacións aos coruñeses sobre o que está sucedendo no seu partido e responder a preguntas como se lle parece ben que Sánchez non asuma ningunha responsabilidade a pesar de que os seus dous secretarios de organización están implicados en graves casos de corrupción, segundo o informe da UCO, e se segue mantendo que o que se está publicando sobre Ábalos, Koldo e Santos Cerdá son campañas de intoxicación”, sinalan desde o PP.