A provincia da Coruña suma 25 médicos fixos aos centros de saúde

ACoruñaXa
O Partido Popular da Coruña celebrou a adxudicación de 25 prazas de médico de familia con carácter fixo nos centros sanitarios da provincia publicada pola Consellería de Sanidade na web oficial do Sergas.
sergas medico medicina sanidade
18 Xan 2024

O Partido Popular da Coruña celebrou a adxudicación de 25 prazas de médico de familia con carácter fixo nos centros sanitarios da provincia publicada pola Consellería de Sanidade na web oficial do Sergas. A nova chega trala resolución do concurso de méritos para persoal facultativo especialista de atención primaria convocado pola Xunta de Galicia en maio de 2023. A resolución farase pública nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e sucesivamente abrírase un prazo dun mes para a incorporación do novo persoal sanitario.

Este concurso posibilitou a cobertura de catro prazas de medicina de familia no centro de saúde de Narón, tres nos de Boiro, dúas nos de Rianxo e Fontenla Maristany (Ferrol) así como unha praza respectivamente nos centros de A Pobra, Ares, As Pontes, Arteixo, Frades, Laxe, Muros (Esteiro), Mesía (Xanceda), Noia, Ribeira, Santa Comba, Teo (Cacheiras), Trazo (Agro do Mestre) e Vimianzo.

Os populares destacan que esta convocatoria puido realizarse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura aprobada no Parlamento galego cos votos en contra do BNG e do PSdeG. Ademais insisten que esta lei permite darlle aos sanitarios unha maior estabilidade laboral a través dun sistema áxil  e rápido como o é un concurso de méritos que non require exame de oposición.

Por outra banda, o PP da Coruña lamentou a postura do PSdeG e do BNG lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir estas prazas. E así mesmo, criticou aos candidatos de ambos partidos ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres os seus partidos votaron en contra de solucións que hoxe se concretan.

0.17243885993958