O PP esíxelle a Inés Rey medidas urxentes para cumprir os prazos de pago a provedores

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao próximo Pleno da Coruña a problemática do período medio de pago (PMP) a provedores, unha cuestión que, segundo denuncian, segue sen solución durante o mandato actual de Inés Rey. Os populares acusan ao Goberno local de incumprir reiteradamente a normativa ao abonar facturas con atrasos superiores aos 30 días legalmente establecidos.
Segundo os datos oficiais, entre xuño de 2023 e abril de 2025 —último mes con rexistro publicado—, o Concello pagou fóra de prazo en 19 dos 23 meses. En abril, o PMP foi de 37,29 días e en marzo de 32,28. Durante todo o ano 2025, o Executivo local non cumpriu en ningún mes: 33,94 días en xaneiro e 34,34 días en febreiro.
O Grupo Popular tamén lembra que en 2024 houbo nove meses con retrasos, chegando ata os 72,84 días en xullo, e superando os 40 días na metade do ano. No exercicio 2023, desde as eleccións municipais, os incumprimentos déronse en seis dos sete meses.
“A ineficiencia na xestión e a actual estrutura de goberno, na que todo o poder está centrado nun único concelleiro, Lage Tuñas, provocan un atraso evidente no funcionamento e na tramitación dos expedientes e das facturas”, denuncian os populares.
Desde o PP advirten que “con estes incumprimentos reiterados, o Goberno municipal prexudica ás empresas que traballan co Concello porque pode provocarlles problemas de liquidez ou tensións de tesourería que acaben afectando aos empregos”.
A formación pedirá explicacións directas á alcaldesa no Pleno e esixirá “medidas concretas para garantir que se respecten os prazos de pago e se protexa á rede de provedores que presta servizos esenciais para a cidade”.